DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Mecánica de Fluídos, á cabeza da Universidade

A diversificación de actividades achega máis de 2 millóns de euros ao departamento líder en contratos de I+D en 2011

Homologación de vehículos privados e investigación en caldeiras de biomasa entre as actividades máis

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/04/2012
É desde hai catro anos o departamento da Universidade de Vigo que maior volume de ingresos por actividades de I+D contratadas obtivo. Só en 2011 foron máis de 2,2 millóns de euros, o 8,5% do total acadado pola institución académica viguesa, os que captaron os preto 60 de investigadores e docentes que integran o departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Mecánica de Fluídos que ten na “diversificación”, segundo afirma o seu director, Jorge Morán, un dos seus principais valores. A homologación de vehículos para particulares e empresas privadas constitúe a principal fonte de ingresos do departamento, unha actividade á que se suman as derivados da investigación en caldeiras de biomasa, eficiencia enerxética, simulación térmica e de fluídos, así como proxectos de refrixeración e enerxía solar.

A coincidencia dunha serie de circunstancias favorables “como a convivencia de varias áreas de coñecemento, a existencia dunha xeración de persoas con suficiente experiencia na Universidade, pero con mocidade e empuxe, e o propio talento dos membros do departamento á hora de captar os proxectos e levalos a cabo”, son para Morán as razóns que explican o liderado acadado polo departamento que dirixe. Unha posición de privilexio que produce, segundo Morán, “orgullo e estímulo para intensificar, se cabe, os esforzos que os diferentes grupos de investigación realizan nos seus respectivos ámbitos”.
Xunto ao de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Mecánica de Fluídos, sitúanse á cabeza da clasificación de departamentos con maior de volume de recursos captados por actividades de I+D en 2011 os de Enxeñaría Telemática con 1,3 millóns de euros e Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente con 1,2 millóns de euros. O ano pasado a Universidade de Vigo captou máis de 23 millóns de euros procedentes da I+D, destacando o incremento dun 32% no número de contratos con empresas.

Líderes entre os líderes nun departamento moi ben relacionado

Nun departamento que se caracteriza por aglutinar un abano de temáticas e liñas de traballo moi diverso, os grupos EG6-Cima e EM1-GTE de Tecnoloxía Enerxética, dirixidos polos catedráticos José Antonio Vilán e José Luís Miguéz, respectivamente, situáronse o ano pasado á cabeza do volume de contratación de actividades de I+D. “Aínda que depende un pouco de cada ano, sen dúbida unha das actividades máis contratadas é a homologación de vehículos que realiza o grupo EG6-Cima”, explica Jorge Morán, e que o grupo desenvolve a través do Laboratorio de Homologación de Vehículos Industriais que posúe “unha actividade moi elevada e estable nos últimos anos”, segundo sinala o director do departamento que tamén lembra a participación deste grupo noutros proxectos como é o caso do XaTcobeo. En varias liñas de traballo tamén actúa o grupo de Tecnoloxía Enerxética, destacando as de investigación en caldeiras de biomasa, eficiencia enerxética, e simulación térmica e de fluídos en diversos campos da enxeñería. “Ademais no departamento existen outros grupos de investigación que tamén posúen unha importante contratación a través de proxectos de refrixeración e de enerxía solar, principalmente”, explica Morán.

Lonxe de constituír un problema, a magnitude do departamento achega, cunha correcta organización, considerables vantaxes operativas para o que “cómpre simultanear unha boa relación entre os grupos e persoas para abordar proxectos grandes cunha grande autonomía que promova as iniciativas individuais e así abordar tamén proxectos de menor tamaño, pero igualmente interesantes”, explica Jorge Morán.

Confianza no futuro apesares da crise

Nun contexto económico crítico o departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Mecánica de Fluídos observa o futuro confiado en manter a produtividade dos anos precedentes nos que, aínda que as actividades contratadas non variaron, si se produciu unha diversificación. Unha circunstancia que Morán explica pola incorporación ao departamento de máis persoal investigador nos últimos catro ou cinco anos, aínda que sostén que “a grandes trazos o patrón de actividade é bastante estable xa que contamos con grupos de investigación moi afianzados e con liñas de actividade ben consolidadas”. Sen embargo, o director do departamento advirte, cara ao futuro, da necesidade de revisar as políticas de contratación de persoal docente que considera prexudicada pola “provisionalidade determinada pola implantación do Espazo Educativo de Ensino Superior e a fusión das escolas de Enxeñaría”. Neste sentido Morán demanda unha política de contratación menos conservadora nas escolas de enxeñaría, nas que en moitos casos, sinala, hai que cubrir moita docencia con persoal non estable, evitando así problemas “para manter un perfil de novos investigadores pero suficientemente formados, que acheguen o impulso propio da mocidade necesario para manter o dinamismo e volume de contratación”.

O antídoto para enfrontar a crise está, segundo Morán, “na nosa diversidade temática”, aínda que recoñece que tamén no departamento se están a ver afectados pola situación económica xeral, confía en que no futuro non existan grandes cambios respecto aos resultados acadados nos últimos anos.