DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un doce descanso para preparar a chegada do líder

O Universidade de Vigo de Xadrez, segundo na Liga Galega, impúxose ao Pokeryajedrez.com

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 28/02/2011
O Universidade de Vigo de xadrez acodou este fin de semana a súa sexta vitoria na liga galega, un triunfo que o sitúa no segundo posto da clasificación, tan só por detrás do Círculo Ferrolano, líder da categoría e próximo rival dos vigueses.

Ante o Pokeryajedrez.com os xogadores que capitanea Pablo García comezaron con bo pe grazas aos triunfos do propio García, de Manuel Pena e de Roberto Páramos, pero a xuventude do equipo universitario, unha das consecuencias da súa clara aposta pola canteira, provocou que ao final a vitoria non fose tan avultada como se prevía. Avelino Leirós e Daniel Rivera non lograron pasar do empate, mentres que Samuel Villar caeu derrotado ante Óscar de Prado. “Isto válelle de lección. En xadrez o que gaña é o que comete o penúltimo erro e iso foi o que lle pasou”, aseguraba o capitán, que espera que este tropezón o motive de cara a súa vindeira cita. A xornada, ademais, deixou outra boa nova, a derrota do Marcote, que o relega ao terceiro posto da xeral, e “déixanos un pequeno colchón”, segundo explicaba García.

Descanso ligueiro e Campionato Sub18

A vindeira xornada disputarase o 12 de marzo, despois do parón que terá lugar o próximo fin de semana con motivo do Entroido. Ademais, do 5 ao 8 de maio celebrarase en Pontedeume o Campionato Galego Sub18 no que o vigués Samuel Villar defenderá o título acadado o ano pasado con tan só 15 anos. “É un dos favoritos, pero ten que saber que non pode confiarse”, aseguraba García.