DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto insírese no ciclo ‘Clásicas desfeitas’, promovido pola Xunta na Cidade da Cultura

Docentes da UVigo combinan o Hamlet de Cunqueiro coas dinámicas dos videoxogos nunha proposta de teatro interactivo

Beatriz Legerén e Antonio Pena desenvolven esta obra cunha compañía galega e outra do Brasil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/01/2024

A peza teatral O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, e elementos procedentes tanto da obra orixinal de William Shakespeare como do relato A Cartomante, do escritor brasileiro Machado de Assis, combínanse coas dinámicas propias dun videoxogo para dar forma a unha proposta de teatro interactivo. Deste xeito preséntase Hamlet, o de Cunqueiro, o proxecto que os integrantes do grupo de innovación docente ComTecArt da Universidade de Vigo Beatriz Legerén e Antonio Pena desenvolven xunto a compañía brasileira Boccaccione e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas, nunha residencia artística na Cidade da Cultura. Fano no marco de Clásicas Desfeitas, un ciclo promovido pola Xunta de Galicia que propón redescubrir diferentes clásicos da literatura a través doutras disciplinas. 

Como unha “obra itinerante e interactiva” que combina a linguaxe escénica coa interactividade propia dos videoxogos preséntase esta produción teatral que se representará os días 2 e 3 de febreiro na Cidade da Cultura. “O público vai ser un dos personaxes desta obra”, adianta Legerén dun proxecto que constitúe “unha especie de scape room teatralizado” que ten nesta docente da Facultade de Comunicación e no profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Antonio Pena aos responsables do seu guión e dirección artística. Desde este luns, ambos traballan cos e coas integrantes das dúas compañías participantes na definición final desta proposta dentro das Residencias Artísticas do Gaiás (Rega), no marco das que este mércores mantiveron un encontro co director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Váquez.

O grupo ComTecArt xa fora responsable en 2022 da primeira residencia artística de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura, na que un grupo de estudantes da UVigo creou un prototipo de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luis Méndez Ferrín. Desta volta foron convidados a participar na novena produción dun ciclo escénico coproducido polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, que, como sinala Legerén, permitiulles “aplicar esa ruptura da linealidade” propia dos videoxogos “a obras que aparentemente son e deben ser lineais”. 

Un xogo teatral no que o público será protagonista

Nesta mestura de “dúas disciplinas aparentemente inconexas”, como son o teatro e os videoxogos, o grupo ComTecArt tomou como punto de partida o Hamlet de Cunqueiro, ao que sumaron as “dinámicas de exploración” propias dunha tipoloxía de videoxogos como son os walking simulator, nos que os xogadores “van camiñando por uns espazos, nos que atopan obstáculos ou pistas”. Neste caso, as e os espectadores percorrerán as galerías da Cidade da Cultura nas que, de xeito paralelo ao desenvolvemento do espectáculo, iranse atopando obxectos cos resolver os “tres enigmas” formulados ao comezo, de tal xeito que “as decisións e accións da audiencia crearán cada vez unha resposta distinta ás incógnitas sobre o amor, a morte e a familia que atormentan a Hamlet”, como destacan desde a Cidade da Cultura.

Con entradas xa a venda, Hamlet, o de Cunqueiro poderá verse ás 18.00 e ás 20.00 horas tanto o venres 2 como o sábado 3 de febreiro, sendo a primeira función desta segunda xornada adaptada a persoas con mobilidade reducida. Nestas representacións estarán presentes tres estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, que participaron este curso na iniciativa de innovación docente de ComTecArt e que se encargarán de gravar o espectáculo para logo dar forma “a un documental ou unha nova obra”, apunta Legerén.