DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O volume acaba de ser publicado pola editorial británica TheiIET

Docentes da UVigo editan un manual para o emprego do 'Design Thinking' nos programas universitarios de diferentes ramas da enxeñaría 

Dirixido a profesorado de escolas e alumnado dos últimos cursos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/11/2023

Design Thinking for Engineering. A practical guide é o título do libro editado por un grupo de docentes e investigadores da UVigo e doutras institucións académicas, que acaba de ser publicado pola editorial británica de enxeñaría TheIET. Íñigo Cuiñas, Manuel Fernández Iglesias, Itziar Goicoechea, Manuel Caeiro, Enrique Costa Montenegro e Fran Díaz Otero, son, xunto aos tamén docente e investigadores doutras institucións Javier Yagüe, Katarzyna Znajdek, Anna Laska-Lesniewicz, Dorota Bociaga e Jae Ho Park, os as autoras deste volume que Cuiñas considera “unha culminación dos anos de proxectos de innovación docente relacionados con esta metodoloxía”, que os e as editoras están a desenvolver e que comezaron, no caso da UVigo, no ano 2023, lembra Manuel Fernández, “coa nosa participación no proxecto europeo (DESTINE: Design Thinking in Engineering) consistente na organización dunha escola de verán internacional, celebrada tamén en Polonia, na universidade das autoras, na que participaron cinco estudantes da UVigo”.

Cunha explicación a fondo das diferentes etapas de Design Thinking (DT), así como o xeito de incorporar esta metodoloxía en materias, tanto obradoiros curtos, como ao longo dos cursos cuadrimestrais, e a forma de avaliar os proxectos, Design Thinking for Engineering. A practical guide é, en palabras de Cuiñas “un manual para empregar a metodoloxía Design Thinking nos programas universitarios das diferentes ramas da Enxeñaría, ademais de presentar unha serie de aplicacións de DT en materias de varias enxeñarías diferentes”. Con este volume as e os investigadores da UVigo, así como os autores das outras institucións reivindican a metodoloxía DT, centrada nas persoas, “na que a primeira tarefa consiste en coñecer os usuarios e empatizar con eles para descubrir que lles preocupa ou limita, de xeito que podamos definir o problema dende a experiencia do usuario e non dende o coñecemento do enxeñeiro. Este coñecemento é, claro, necesario para idear solucións, que só se validan unha vez que os usuarios proban un prototipo e expresan a súa satisfacción”, explican os docentes da UVigo. Un achegamento empático os usuarios finais que resulta unha novidade no ámbito das enxeñarías e, “dende logo rupturista”, aseguran, para moitos docentes en Enxeñaría. 

Orientación cara á Enxeñaría

Os  e as autoras do libro tiñan claro que non se trataba de facer un volume sobre DT, “que hai moitos”, sinalan, senón que querían explicar como están a implantar un programa baseado nesta metodoloxía entre alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación, no caso dos editores do libro, pero tamén doutras ramas da Enxeñaría, o que abriu a porta aos e ás coautoras. 

Orientado a docentes de escolas de Enxeñaría e a alumnado dos últimos cursos, o libro xurdiu dunha proposta da editorial, que inicialmente lles propuxo aos autores un volume docente dunha temática máis técnica, á que os redactores do volume responderon cunha contraproposta, “á que a editora respondeu con entusiasmo e pediunos unha proposta máis completa e elaborada que avaliaron os especialistas de TheIET (Institute of Engineering and Technology), unha institución británica de gran prestixio e traxectoria en diferentes ámbitos de Enxeñaría”, detallan os e as autoras.