DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ramón Girona, profesor da Universitat de Girona, imparte unha conferencia sobre propaganda en cine

O documental amosaba ao soldado americano quen era o inimigo

O experto afondou na produción de sete pezas baixo o título ‘Why we fight?’ na II Guerra Mundial

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 26/03/2012

Os soldados americanos da Segunda Guerra Mundial tiñan que loitar “pola defensa da liberdade” pero non tiñan moi claro contra quen. Neste contexto xorde a gravación de sete documentais baixo o título Why we fight?, produción cinematográfica con alta dose propagandística que esta tarde analizou o experto Ramón Girona na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O goberno de Estados Unidos tivo a necesidade de aclarar aos seus combatentes quen eran os inimigos na contenda a través de pezas documentais, tras o fracaso previo que tiveron unhas charlas”, explicou o profesor Girona.

O suceso detonante que provocou a entrada de Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial foi o ataque de Pearl Harbor da man do exército de Xapón, non obstante “aos soldados habíalles que deixar claro que o principal inimigo non era o país nipón, que a guerra ía esixir unha maior implicación e que se ía combater en chan europeo”, sinalou o profesor da Universitat de Girona. Os setes filmes que forman a colección Why we fight?, ademais de contextualizar a guerra aos soldados, “tamén tiñan a súa compoñente propagandística” coa que exaltaban os valores patrióticos para manter motivados aos combatentes durante a guerra. As pezas creadas ex professo cunha hora de duración cada unha, foron rodadas por Frank Capra, “un dos principais directores de Hollywood do momento que tan convencido estaba coa causa que se alistou voluntariamente no exército”.

Abundante produción propagandística

Aínda que Why we fight? é unhas das principais obras propagandísticas encargadas polo goberno estadounidense durante a Segunda Guerra Mundial, “o certo é que existe unha abundante produción e non só de filmes propagandísticos”. Así, o experto tamén se referiu a unha produción de “películas de adestramento” nas que, sen ningún tratamento formal, se ensinaban aos soldados cuestións básicas “como o funcionamento dun canón, como se cargaba unha arma ou simplemente facilitaban consellos sanitarios para non coller enfermidades”, exemplificou o experto. Advertiu que Estados Unidos non era o único país que empregaba o cinema como ferramenta propagandística xa que “o réxime soviético con anterioridade e a Alemaña nazi de Hitler xa o usaban con auténtica soltura”. Tanto é así que o goberno estadounidense chegou a responder a mensaxes do bando alemán a través deste tipo de producións audiovisuais.

Nos anos que durou a contenda era común que o cinema comercial tamén tivera algunha pincelada propagandística e patriótica “polo que non resultaba raro que Tarzán loitase contra o exército de Hitler”, sinalou Girona. Non obstante, apuntou que este tipo de producións non convencían ao goberno estadounidense “xa que a ficción tendía a ridiculizar e a infravalorar ao inimigo e dende a presidencia queríase que a poboación tivese claro o alcance da batalla”, de aí que optasen por crear pezas específicas como Why we fight?