DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez estudantes prestaron asistencia a un cento de participantes do Medio Maratón Cidade de Pontevedr

Un domingo moi activo para o alumnado de Fisioterapia

Os voluntarios da facultade tamén colaboraron co torneo internacional de tenis do Casino Mercantil

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 20/10/2014

Para unha ducia de alumnos e alumnas do grao en Fisioterapia, a deste domingo non foi unha mañá de descanso. Todo o contrario, foi unha mañá de aprendizaxe e intensa actividade, posto que nesta xornada as unidades de voluntarios coas esta facultade colabora con diferentes eventos deportivos despregáronse por partida dobre na cidade. Por unha banda, dez estudantes de 3º e 4º curso atenderon a preto de 100 participantes do XIX Medio Maratón Cidade de Pontevedra, mentres que, nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial, outros dous estudantes pechaban unha semana de colaboración co torneo internacional de tenis júnior, no que os voluntarios realizaron un total de 75 asistencias.

Con esta intensa mañá de domingo, a facultade puña peche a un mes de moita actividade para as súas unidades de fisioterapia, o servizo que desde os primeiros anos de vida do centro veñen proporcionando a múltiples eventos deportivos e co que o alumnado pode obter unha valiosa formación práctica. “En moitos casos, é a primeira toma de contacto que teñen con pacientes reais, polo que poden comezar a ver na práctica aquilo que se lle ensinou na teoría”, sinala o profesor José Manuel Pazos, coordinador dunhas unidades que no que vai de curso xa obrigaron a mobilizar a medio cento de alumnos e alumnas, así como a unha decena de profesores e ex-alumnos do centro, “que nos botan unha man de xeito desinteresado exercendo coma coordinadores”. Non en van, nas primeiras semanas do curso, Fisioterapia achegou a súa colaboración ao Desafío Illas Cíes en Vigo, o 14 de setembro; á Carreira Popular Pedestre de Moaña unha semana despois, e ao medio maratón Maralba Running Fest, o 28 de setembro. Xa este mes, 24 alumnos e 11 coordinadores acudiron entre o 12 de outubro e este domingo, divididos en diferentes quendas, ao terceiro Campionato Internacional de Tenis Júnior do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, ao que este domingo 19 se sumou un medio maratón que levou a unha decena de estudantes e a dous coordinadores a prestar asistencia a preto dun cento de participantes nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). .

Unha colaboración cada vez máis demandada

Nada menos que 50 dos preto de 80 alumnos dos dous últimos cursos do grao formaron parte o pasado ano académico nestas unidades de voluntarios e voluntarias, que ao longo do curso estiveron presentes nunha ducia de probas, entre as que figuraban o Campionato de España de Taekwondo Júnior, o Concurso de Patrullas da Brilat, o Campionato do Mundo de Duatlón ou o Campionato de España de Baloncesto infantil feminino. “Tratouse probablemente do curso que máis colaboracións houbo”, recoñece Pazos, que incide en que este tipo de iniciativas sempre obteñen unha “participación bastante importante por parte do alumnado, ao que en xeral lles gusta enfrontarse a pacientes reais, de feito, moitos deles repiten”. Semella que neste 2014/2015 continuarase nesa senda de crecemento, a tenor das cinco probas nas que xa participou o alumnado polo de agora. De feito, Pazos recoñece que as peticións de voluntarios están comezando a superar a capacidade de resposta destas unidades e “xa tivemos que dicirlle que non, con toda a nosa dor, a algunha institución”, recoñece.

Boa resposta por parte dos pacientes

“Desde logo, estas colaboracións están moi ben para poder ter un primeiro contacto con pacientes reais, o que che permite aprender cousas novas, que non podes ver nas clases teóricas”, destaca Anxo Cedeira, un alumno de 3º curso do grao que vén de sumarse a este programa de fisioterapeutas voluntarios, no que só poden participar estudantes dos dous últimos cursos. Fíxoo ademais con moitas ganas, posto que ademais de acudir en dúas ocasións ao torneo internacional de tenis do Casino Mercantil e participar como voluntario no maratón Maralba, este domingo sumouse ao grupo que prestou asistencia aos corredores e corredoras do medio maratón de Pontevedra. “A verdade é que sempre nos trataron moi ben, a xente é moi agradable e é un estímulo para nós”, engade Cedeira, que recoñece que ata o de agora a resposta das persoas as que tiveron que tratar, “xeralmente por sobrecargas musculares, tendinites ou algunha escordadura”, resultou do máis positiva. “Ata houbo pacientes que nos preguntaron se tiñamos unha clínica”, engade.

Non obstante, este alumno tamén recoñece que, ao principio, “sempre hai un pouco de medo”, non tanto no relativo ás técnicas de tratamento a aplicar, senón á hora “de emitir un diagnóstico con certeza”. Nese punto, resulta clave o apoio que lles prestan os coordinadores e coordinadoras á hora de “levar á práctica os coñecementos teóricos que obtivemos na carreira”.