DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Público e crítica poderá visionar a película, fóra de competición, este xoves 27 de outubro 

'Donde acaba la memoria', de Pablo Romero, exhibirase na sección Proyecciones especiales da Seminci 

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 26/10/2022

A Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), que se celebra desde o día 22 e ata o 29 de outubro, será mañá a próxima parada  do documental Donde acaba la memoria, dirixido polo docente e investigador da UVigo Pablo Romero Fresco. Desde a súa pre-estrea en xullo de 2021 no Festival de Cans, a película, que reconstrúe medio século de traballo do hispanista e biógrafo irlandés Ian Gibson, chega este xoves 27 de outubro a Valladolid, onde crítica e público poderán visionala, fóra de competición, na sección Proyecciones Especiales da 67 edición da Seminci. “É un luxo poder estar aí. Importantísimo para nós despois da estrea no London Spanish Film Festival poder estrear nun dos mellores festivais de España”, afirma Romero Fresco, que estará acompañado en Valladolid por Gibson, protagonista da película, que marca o final da súa viaxe de 50 anos, iniciada cando abandonou Irlanda e viaxou a Granada para escribir unha tese sobre Federico García Lorca e que continuaría durante décadas cos seus traballos sobre as miles de persoas asasinadas polo réxime de Franco, e tamén sobre o director Luis Buñuel e o pintor Salvador Dalí.

Donde acaba la memoria, que tamén é o produto final da investigación de Pablo Romero como Ramón y Cajal, centrada na tradución e accesibilidade para persoas xordas e cegas durante o proceso de elaboración dos traballos audiovisuais, denominado accesible filmmaking ou cinematrografía accesible, está a acadar, segundo o seu autor unha grande acollida. “Estamos encantados coa recepción. Sempre pensei que non tería interese máis que para a xente que está interesada no tema: Buñuel, Lorca, Ian, memoria histórica, etc., mais atopo que a peli lle fala a moita máis xente do que pensara, que lles chegan certas cousas, como a dedicación de Ian a unha causa durante tantos anos, a importancia de non esquecer, a sensación de que remata o tempo para arranxar certas cousas, etc”, unha resposta do público, que segundo Pablo Romero, “se cadra ten que ver co feito de que vivimos nunha época na que todo pasa moi rápido e chama a atención ver a alguén que dedica a súa vida a unha mesma causa, que ademais nos afecta a todos”, asegura.

Próximas proxeccións 

Logo da proxección prevista para estes xoves na Seminci, o documental poderá visionarse no Cineuropa Film Festival-Santiago (18 de novembro), en  Granada (finais de novembro), Salamanca (principios de decembro) e nun pase especial na Filmoteca de Madrid, onde se espera a presenza de diferentes personalidades da cultura e onde, posteriormente, se celebrará un coloquio con Gibson e Romero-Fresco.