DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un concurso público de carácter europeo concedido pola Consellería de Medio Ambiente

Dous grupos de investigación da Universidade alíanse para recuperar a anguía nos ríos galegos

Os equipos dos profesores Enrique Valero e Isabel Pardo atópanse inmersos no traballo de campo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 15/10/2012

A anguía Anguilla anguilla é unha especie que a Unión Europea catalogou como ameazada e da que se descoñecen as causas que poñen en risco a súa conservación. Co obxectivo de verter luz sobre os factores que provocan o seu descenso de poboación, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, o AF-4 dirixido por Enrique Valero e o de Ecoloxía de Sistemas Acuáticos Epicontinentais encabezado por Isabel Pardo, uniron forzas con outros expertos independentes para liderar un proxecto promovido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia co fin de recuperar a especie nos ríos de Galicia. “Trátase dun estudo de tres anos de duración, no que estamos avaliando as poboacións de anguía en toda a costa galega”, explica o profesor Enrique Valero, un dos directores do proxecto.

O Consello Europeo, dada a progresiva regresión da especie, impuxo a necesidade legal de protexela, de aí que a Dirección Xeral da Conservación da Natureza sacase a concurso público un proxecto de investigación que actualizase o banco de datos das poboacións galegas de anguía e que finalmente se adxudicou á Universidade de Vigo. “Parecen existir razóns para tomar medidas con respecto á conservación da anguía”, apunta o profesor Valero, de aí que se deseñara unha iniciativa de I+D que poña ao día información sobre a situación, distribución de idades, niveis de concentración e distribución poboacional ao longo dos ríos, así como posible parasitismo, entre outros parámetros. “Ditos datos son imprescindibles para coñecer con exactitude que evolución tivo a especie nestes últimos anos para definir que medidas de xestión se poderían tomar para mellorar as súas condicións biolóxicas nas augas galegas”, subliña a outra investigadora principal.

Estudos dos parasitos da anguía

Nos últimos anos comprobouse que a poboación da anguía “sufriu uns fortes descensos poboacionais a escala europea”, pero aínda se descoñecen os factores que puideron provocar estas importantes diminucións. Así, unha das fases transcendentais desta investigación corresponderase co traballo de laboratorio onde se levará a cabo medicións de certos parámetros físicos, así como o nivel de parasitismo. “As anguías poden sufrir dun parasito interno polo que hai que comprobar en que grao está infectada a poboación galega e a que escala pode ser unha das causas polas que está en fase regresiva”. Por outra banda, a anguía nas súas primeiras fases coñécese como a angula, un recurso moi apreciado a nivel gastronómico, “o que a converte en vítima continua de fenómenos de furtivismo, provocando que sexa urxente deseñar un plan de protección para xestionala nos próximos anos”.

Ao longo destas semanas, os preto de 15 investigadores que forman parte desta campaña científica están inmersos no traballo de campo, recorrendo día tras día cada un dos ríos costeiros da xeografía galega. “Esta semana toca a provincia de A Coruña”, indica Valero, que explica que mediante a pesca eléctrica son quen de achegarse ás poboacións de cada tramo, detectando os exemplares presentes en cada zona, tomar unha serie de medidas morfolóxicas da especie e tamén notas sobre o medio, para logo devolver á auga, excepto aqueles exemplares que pasarán ao laboratorio como mostra para análises máis profundos.

Procura de sinerxías

Este proxecto de investigación naceu da colaboración de dous equipos de traballo da Universidade de Vigo, do grupo AF4 con sede na Escola de Enxeñaría Forestal do campus pontevedrés e do grupo de Ecoloxía de Sistemas Acuáticos Epicontinentais, da Facultade viguesa de Bioloxía, aos que se uniron recoñecidos expertos independentes do campo da anguía e da ecoloxía fluvial. “Este estudo é un exemplo de que a procura de sinerxías e a cooperación entre equipos de investigacións que se complementan, sempre supón resultados moi satisfactorios”, apunta Enrique Valero. Ademais da análise da anguía, tamén examinarán o comportamento da saboga Alosa fallax na conca baixa do río Ulla, desenvolvendo un estudo de base sobre o seu estatus poboacional e sobre o seu ciclo biolóxico.