DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderados por investigadores do CIM e de atlanTTic

Dous proxectos da Universidade de Vigo, seleccionados no Programa Ignicia

Un céntrase na selección xenética do mexillón e o outro en tecnoloxías 5G

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/07/2023

Dous proxectos da Universidade de Vigo acaban de ser seleccionados para acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié. O obxectivo desta iniciativa é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación galega en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos.

Os dous proxectos seleccionados son MytUniSex e edgeContinuum. O primeiro, liderado polo profesor Ángel Pérez Diz, investigador do CIM, propón o desenvolvemento e valorización da metodoloxía de produción masiva tras selección xenética asistida por análises moleculares de liñas de mexillóns unisex, con características comercialmente máis atractivas como a cor alaranxada da vianda. Detrás deste proxecto está un equipo multidisciplinar de expertos en xenética de organismos mariños, bioloxía molecular e cultivos do Centro de Investigación Mariña, cuxo obxectivo é a futura posta en marcha spin-off que comercialice directamente as sementes de mexillón seleccionadas xeneticamente a empresas do sector, así como o desenvolvemento, mediante técnicas culinarias, de subproductos gourmet tipo caviar, de alto valor engadido e saudable.

Pola súa banda, EdgeContinuum, coordinado polo profesor da EE de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Felipe Gil, e xurde dos activos de investigación do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), punteiro en redes 5G e edge computing co obxectivo de sentar as bases para comercializalos. O seu valor diferencial reside en dous aspectos clave, protexidos por unha patente: a xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal.

Xunto con estas dúas iniciativas da UVigo, a Xunta seleccionou outros sete proxectos: Dous promovidos polo centro tecnolóxico Gradiant e cadanseu da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Proxectos aliñados coas capacidades industrias de Galicia

Como explican dende a Xunta de Galicia, os nove proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia. 

En canto á fórmula de comercialización, inicialmente está previsto que sete dos proxectos cheguen ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os dous restantes farano a través do licenciamento das súas tecnoloxías á industria. Os proxectos seleccionados contan cun orzamento medio de 450.000 € e unha duración media de 24 meses. Neles estarán implicadas 63 persoas investigadoras, das que 34 (54%) son homes e 29 (46%) mulleres.

Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización da tecnoloxía para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.

MytUniSex

Dende o equipo de investigación do CIM que impulsa MytUniSex explican que a pesar da gran relevancia socio-económica deste sector en Galicia, nos últimos anos, tense detectado unha crecente escaseza de semente de mexillón, que se obtén principalmente do intermareal rochoso, ou ben de cordas colectoras colgadas en bateas. Non obstante, ata o momento, non hai constancia da posta en marcha de proxectos de produción de semente (hatchery) de mexillón (Mytilus spp.) e, en ningún caso, tras aplicar métodos de mellora xenética clásica que permitan a selección de trazos como a cor da vianda, como propón MytUniSex. Ademais, a posibilidade de que unha parte desta semente se poida xerar a partir de criadeiros xera un importante valor engadido a este proxecto, eliminando a estacionalidade na súa dispoñibilidade no medio natural e permitindo seleccionar trazos como a cor ou o tamaño. E é que como recalcan os investigadores, “o factor diferencial de MytUniSex ten que ver coa forte asociación entre a cor das gónadas e o sexo do mexillón, de forma que os que teñen a vianda de cor laranxa pálida ou branca e aqueles de cor laranxa intenso están fortemente asociados con machos e femias respectivamente”. Polo tanto, a cor da vianda é unha característica moi importante cun grande interese comercial, xa que dependendo do mercado, existe preferencia dos consumidores por certas tonalidades. 

EdgeContinuum

Detrás de EdgeContinuum está un equipo formado por Felipe Gil, Cristina López Bravo, Javier González Castaño, Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz. Explican que a tecnoloxía 5G ten dado solución a problemas preexistentes, pero tamén ten habilitado novos casos de uso, algúns dos cales requiren “latencia ultrabaixa e son computacionalmente intensivos, requisitos non compatibles con despregues cloud debido á latencia engadida pola distancia”. Ademais, engaden, outros casos relacionados co internet das cousas ou as aplicacións inmersivas son computacionalmente intratables en dispositivos finais e economicamente inviables no cloud e a isto súmase o feito de que a información sensible débese almacenar con garantías en zonas xeográficas delimitadas. Para dar solución a estas necesidades “de cómputo próximo, seguro e confiable, nace o paradigma edge computing, que permite executar aplicacións no borde ou edge da rede”.

A solución que achegan aposta pola xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal e poderase despregar tanto en contornas heteroxéneas como desconectadas, incrementando a escalabilidade, abaratando os despregues e habilitando aplicacións móbiles con requisitos extremos. Ademais, a solución será compatible coas interfaces estándar da arquitectura 3GPP EdgeAPP e o núcleo de rede 5G do 3GPP e fará uso de tecnoloxías innovadoras de virtualización lixeira. O proxecto edgeContinuum está avalado por prescriptores de talla mundial como Cisco e os tres grandes operadores españois: Telefónica, Orange e Vodafone, así como por empresas tecnolóxicas galegas que son referentes internacionais como Optare Solutions.

16,6 m€ mobilizados dende 2016

Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa Ignicia mobilizou un investimento total de 16,6 M€, incluídos os preto de 4 millóns de euros cos que está dotada esta edición. Durante este tempo, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento e 12 teñen acadado xa o éxito comercial, a través de 9 empresas tecnolóxicas ou startups e 3 acordos coa industria, que foron quen de xerar máis de 100 empregos de alta cualificación.

Nas tres convocatorias anteriores, a UVigo acadou financiamento para un total de sete proxectos, por un importe de máis de 2,5 millóns para madurar os resultados, valorizalos e achegalos ao mercado. De feito, de proxectos Ignicia xurdiron empresas como Alen Space ou Ancora Mobile e conseguise que outras tecnoloxías e resultados cheguen ao mercado a través de licenzas a importantes empresas.