DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de convenios que permitan a codirección de teses por investigadores doutros países

O doutoramento do Campus Crea explora novas colaboracións internacionais

O primeiro destes protocolos asinouse co Politécnico do Porto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/09/2022

Impulsado no marco do proxecto de especialización Campus Crea, o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable iniciou a súa andaina en 2017 co propósito central de promover o desenvolvemento de investigacións de carácter interdisciplinar, nas que se vinculen cando menos dúas das áreas do Campus Crea. No seu obxectivo de “ampliar o seu espazo internacional”, como sinala a súa directora, Ángeles Cancela, e promover o desenvolvemento de teses de doutoramento baixo a dirección tanto de investigadores adscritos ao programa como pertencentes á institucións académicas de diferentes países, o doutoramento traballa na sinatura de acordos de colaboración con diferentes universidades. De feito, nas últimas semanas, asinaba co Instituto Politécnico do Porto un primeiro protocolo de codirección de tese de doutoramento, á vez que se traballa nun acordo coa universidade francesa de Rennes 2, que permita, como explica Cancela, a “cotutela” dunha tese entre docentes de ambas institucións.

“Estes convenios dannos a posibilidade de incorporar ao programa alumnado doutras universidades e, sobre todo, que profesorado de universidades internacionais actúen como docentes das teses”, salienta Cancela, que incide en que un dos obxectivos do doutoramento é tratar “de atraer alumnado estranxeiro”. De feito, antes do protocolo asinado co Politécnico do Porto para o desenvolvemento dunha tese, o doutoramento promoveu tamén a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a UVigo e a Universidade Lusíada de Lisboa, “e estamos vendo a posibilidade de asinar outros con universidades de México e Brasil”, explica a súa directora. De xeito paralelo, trabállase tamén nun convenio coa universidade de Rennes 2 que permita levar a cabo unha tese no réxime de “cotutela”, que, a diferencia dos anteriores, fará que a investigadora non só obteña o título de doutora pola UVigo, senón tamén pola institución francesa, tras realizar estadías de investigación e actividades formativas nas dúas universidades.

Investigacións que combinan diferentes ámbitos

O doutoramento do Campus Crea abrangue seis liñas de investigación, Innovación en saúde, Innovación, sustentabilidade e comunicación, Deseño e innovación social, Innovación e sustentabilidade dos recursos naturais, Gobernanza e innovación e Innovación pedagóxica na profesión docente e ten como principal característica que na dirección de teses “teñen que participar docentes de dúas destas seis liñas”, como sinala a súa directora. Deste xeito, búscase promover o desenvolvemento de investigacións “de carácter interdisciplinar”, que vinculen diferentes ámbitos do Campus Crea, lembra a docente da Escola de Enxeñaría Forestal.

Ao igual que o resto dos doutoramentos da Universidade de Vigo, este programa ten aberto ata este venres 9 o período de preinscrición para o presente curso. A este prazo sumaráselle un segundo en febreiro, mentres que o alumnado que continúa estudos pode realizar a renovación de matrícula ata o 10 de outubro.