DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espectáculo péchase este xoves coa Aula de Teatro do campus de Vigo

O drama da inmigración protagoniza unha nova sesión da Miteu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 26/04/2012
O espectáculo continúa. As representacións da Miteu continúan esta semana no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. Este mércores representouse a obra El inmigrante, el Nica, un monólogo baseado en feitos reais. Un ser humano en condición de rexeitamento. Un inmigrante chamado José Mejia Espinoza, fala con humor e profundidade cun Cristo crucificado.

Esta obra amosou aos espectadores o rostro humano dunha migración obrigada, o terrible desarraigamento, o amargo desconsolo, os anhelos, a soidade, a alegría efémera, o amor, as carencias, a crueldade, a esperanza e a fe dos emigrantes. Gañadora de premios e recoñecementos en Miami, Washington, Los Ángeles, Canadá, México, Cuba, Honduras, El Salvador, Nicaragua, Colombia, Arxentina, Francia, España, Inglaterra… Vista por máis de 500.000 persoas, en máis de 700 comunidades en Costa Rica.

Teatro La Polea (http://www.teatrolapolea.com) foi fundado por César Meléndez en San José, Costa Rica, en 1999 co obxectivo de investigar, xunto á súa compañeira Cristina Bruno, a problemática das relacións humanas na sociedade actual e traducir os resultados á linguaxe da arte escénica.

Peche coa Aula de Teatro do campus de Vigo

O espectáculo remata este xoves e neste caso cos anfitrións, a Aula de Teatro do campus de Vigo que intervirán coa peza Dentro do Laberinto, unha dramaturxia de Pepa Barreiro a partir de A Tumba de Antígona de María Zambrano. A característica máis humana é a conciencia. E é a conciencia a que aluma Antígona, a aurora que reitera en cada unha das súas reaparicións.

A cita será as 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño.