DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa colección 'Weekend lovers' foi a seleccionada polo xurado na 11 edición do desfile de Esdemga

As dualidades propostas por José Cortizo triunfan en Debut 2017

‘Welcome to my loft’, de Sara Vázquez, acadou o segundo premio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 24/11/2017

Xogando cos contrastes, José Cortizo tentou “transmitir visións duais” na súa colección Weekend Lovers, unha proposta inspirada na idea dos amantes casuais que buscaba transmitir “forza á vez que delicadeza”, ser á vez "volumétrica e cartesiana" que lle valeu a este egresado de Esdemga o primeiro premio en Debut 2017. A titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes celebrou na noite deste xoves a décimo primeira edición da pasarela na que 15 novos egresados e egresadas estrearon as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos, e na que o xurado outorgou o segundo premio á colección Welcome to my loft, de Sara Vázquez. Nunha noite na que o Pazo da Cultura congregou a máis dun milleiro de persoas, a presentación das coleccións dos novos titulados e tituladas viuse complementada coa presentación no Pazo da Cultura dos proxectos realizados por 55 estudantes dos diferentes cursos da titulación.

“Esta non é unha pasarela feita por unha axencia profesional, é un proxecto de escola, que pon en escena todo o esforzo de todos os estudantes”, salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na presentación dun desfile que é tamén “o resultado dun proceso de aprendizaxe”. Concibida como unha ponte entre o mundo académico e o profesional. Debut naceu co obxectivo central, lembrou Dopico, de que “novos deseñadores e deseñadoras, que mañá mesmo saen á rúa, poidan amosar aquilo que son e serán capaces de facer”.

O recoñemento a anos de esforzo

Como un “recoñecemento a un traballo moi duro, non só este ano senón de toda unha traxectoria, xa que realmente son uns estudos esixentes” recibía Cortizo o premio que cada ano outorga a empresa Jesús Peiró nesta pasarela e que “é algo importante para o teu currículo”. Un xurado composto por Adrian Roberts; director académico da Accademia Costume e Moda de Roma; Pau Lari, director de operacións de Medwinds Barcelona; Juan Gutiérrez, responsable da colección de moda contemporánea do Museo del Traje de Madrid, e a mexicana Mónica Mendoza, directora de deseño téxtil e moda da universidade Centro, decidiu por unanimidade que a gañadora desta edición fose unha colección que Cortizo inspirou “nos meus referentes tanto en moda como en arquitectura”. Nese xogo coas dualidades, o egresado buscou que Weekend Lovers transmitise tanto forza como delicadeza a través de “tecidos moi pesados con moito volume”, nos que ao mesmo tempo "buscaba tamén o equilibrio", a través de liñas horizontais e verticais.

Dos filmes de Quentin Tarantino, aos ladróns do tempo que Michael Ende retrataba en Momo, pasando por Santo André de Teixido ou pola influencia de artistas como David Hockney e John Baldessari e de músicos como Prince, a diversidade definiu os proxectos finais cos que se abriu esta pasarela. Xunto a Cortizo e Vázquez, Debut 2017 foi tamén o momento de situar baixos os focos os os traballos finais de Verónica Arjomil, Nuria Doce, Isabel Doménech, David Domínguez, Melania Freire, Andrea González, Zaira Margae, Luis Mariño, Iago Otero, Érica Oubiña, Rosa Reboreda, Carla Redondo e Tatiana Rico.

Máis de 50 coleccións sobre a pasarela

A décimo primeira edición de Debut foi tamén a última que reuniu os traballos realizados nos tres cursos deste título propio, dado que este curso xa non se imparte primeiro, a consecuencia da  posta en marcha do mestrado en Deseño e Dirección Creativa de Moda que substituirá ao título propio. Así, o desfile ao que asistiron numerosos representantes deste sector, así como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a secretaria xeral e o xerente da Universidade de Vigo, Gloria Pena e Manuel Fernández Jaurégui, a decana de Belas Artes, Silvia García, os deputados provinciais Xosé Leal e Eva Villaverde ou as concelleiras de Cultura e Promoción Económica, Carmen Fouces e Anabel Gulías, continuou coa presentación de diferentes “proxectos de escola”, como os definiu Dopico. Abriron a segunda parte do desfile os traballos, marcados polo uso do branco e do negro, do alumnado de primeiro curso, seguidos das propostas dos estudantes de segundo, para pechar o desfile cos resultados do proxecto Brand by us, no que o alumnado debe desenvolver de forma global o concepto dunha marca de moda.

Entrevistas coas principais firmas para pechar a semana

Un ano máis, Esdemga acompañou a celebración deste desfile cun programa de talleres e conferencias centradas no mundo da moda e que aínda ten por diante a celebración, na mañá do venres na Casa das Campás, das súas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos. Nese propósito de conectar os mundos académico e profesional, as 15 novas egresadas e egresados manterán unha serie de entrevistas con representantes dos departamentos de recursos humanos das diferentes firmas do grupo Inditex, Adolfo Domínguez, Bimba & Lola e Téxtil Lonia, así como con representantes da axencia de captación de talentos You are unicorn.