DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina López e María Gómez representaron á Universidade no proxecto Euranet Radio Network

Dúas estudantes do campus toman a palabra no Parlamento Europeo

As alumnas destacan a oportunidade de poder entrevistar en directo aos eurodeputados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 26/03/2012

A paixón pola radio e o dominio do inglés fixeron posible que dúas alumnas representaran á Universidade de Vigo no Parlamento Europeo. Son María Gómez e Cristina López, estudantes de segundo curso de Publicidade e Relacións Públicas, que este mes viaxaron a Bruxelas para participar en Euranet, unha rede de radios internacionais, nacionais, rexionais e comunitarias financiada pola Comisión Europea na que tamén participan universidades de todo o continente, entre as que se atopa a institución viguesa. Este proxecto organiza todos os meses na capital belga un debate no que interveñen estudantes e máximos representantes europeos, "o que se traduce nunha excelente oportunidade para o alumnado de comunicación xa que entrevistamos en directo e de ti a ti a un eurodeputado”, explican as dúas estudantes da Universidade.

Segundo sinala Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra e coordinadora local do proxecto, Euranet, que ten como finalidade promocionar os valores europeos entre a poboación máis nova, “permítenos como institución entrar en contacto con outras universidades nas que tamén se imparten coñecementos de comunicación e traballar cóbado con cóbado con profesionais do xornalismo do ámbito da Unión Europea”. Tanto é así que desta volta, ademais do debate mensual, Euranet tamén organizou nunha das salas do parlamento un 'macro encontro' no que eurodeputados, profesionais da comunicación e representantes estudantís das universidades participantes reflexionaron sobre o xornalismo do século XXI. “É unha experiencia única poder contactar e intercambiar opinións co tecido real, dándonos a posibilidade de expresar a nosa opinión nin máis nin menos que no Parlamento Europeo”, apunta Cristina López.

Paixón pola radio e intercambio cultural

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación seleccionou a estas dúas alumnas pola “paixón” que senten pola radio e polo seu bo dominio de inglés, “imprescindible para poder intervir e argumentar”, advirte López. Euranet tamén lles achega unha “práctica profesional completa”, sinala a profesora Fernández Souto, xa que non só coñecen de primeira man o funcionamento dunha rede de radios “senón que ademais teñen que preparar e editar unha reportaxe previa sobre un tema dado que lles sirva para acompañar a entrevista en directo que lles fan aos eurodeputados”, engade a docente. Os temas de debate acostuman ser cuestións “que tocan de forma directa aos intereses dos mozos e mozas, como a lei ACTA ou se estudar un mestrado é garantía de éxito laboral”, describe unha das estudantes.

Tanto María Gómez como Cristina López son conscientes do papel que desempeñaron en Bruxelas, “fomos representando a nosa Universidade e a darlle visibilidade en Europa, polo que tentamos deixala no mellor lugar posible cunha actuación responsable e á altura”, declaran. Ademais da experiencia profesional, as dúas alumnas destacan o enriquecemento cultural e persoal do proxecto, “pois convivimos día e noite con estudantes de Suecia, Finlandia, Suíza, Alemaña, Italia... e comprobamos o que nos une e separa das formas de pensar e actuar doutros países e culturas europeas coas que non temos contacto todos os días”, salienta Gómez.

As dúas alumnas recoñecen que a estancia de tres días en Bruxelas se lles fixo “curta e moi intensa”, pero sen ningunha dúbida confesan que volverían a repetir a experiencia “e iríamos encantadas de novo ao Parlamento Europeo para representar á Universidade unha vez máis”, engaden.