DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúa no campus o curso 'Organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito

A economía deportiva xoga en primeira división a pesar da crise

O seu coordinador, Patricio Sánchez, salienta o auxe deste sector e as oportunidade de negocio que o

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/04/2012

O deporte move paixóns e quizais por iso tamén moito diñeiro. Como un sector en auxe, que segue medrando a pesar da crise económica, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense está a celebrar o cursoOrganización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito. É unha oportunidade para afondar no impacto económico territorial que teñen as competicións deportivas, pois como salienta o coordinador da iniciativa, Patricio Sánchez, “non só se trata dun eido apaixonante desde o punto de vista académico, senón que tamén se amosa como un ámbito con moito futuro do que os políticos deberían tomar nota”.

O curso comezou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense os días 30 e 31 de marzo e continuará este venres e sábado, días 13 e 14 de abril. Segundo explica o seu coordinador, a iniciativa enmárcase na puxante liña de traballo do centro en xestión deportiva. “No seo da facultade un grupo de persoas levamos xa un tempo traballando e investigando na vertente empresarial e económica do deporte. A primeira promoción do noso Máster en Xestión Empresarial do Deporte, que está a piques de rematar, serán o mellor expoñente deste traballo”, destaca.

“Co éxito que está tendo o mestrado e trala celebración o ano pasado en Ourense do Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte estamos moi ilusionados e con ganas de seguir facendo cousas”, explica. Nesta liña xurdiu a idea de celebrar o curso Organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito. “Consideramos que un complemento idóneo á formación do alumnado era a celebración dunhas xornadas que abordasen a experiencia práctica en organización de eventos deportivos de diversa índole, tanto a nivel internacional coma local, así como de diferentes modalidades deportivas”, apunta Sánchez.

Impacto local

Despois da celebración das primeiras sesión, o coordinador do curso salienta o produtivo e enriquecedor que está resultado escoitar de boca dos responsables e implicados na organización de eventos as súas experiencias. “Dende a mais pequena anécdota que se conta ten moito interese”, sinala. Dentro do programa, o seu coordinador quere destacar de modo especial a participación de Mario Rigau, presidente executivo dos Xogos do Mediterráneo de 2017, os “irmáns pequenos” dos Xogos Olímpicos.

“O sector do deporte segue a manter unhas boas expectativas pese aos malos momentos que se están vivindo e iso queda patente neste curso. Hai que ser conscientes da importancia que ten para un territorio o impacto económico e social da celebración nos mesmos de eventos deportivos. Os responsables políticos deberían ser máis conscientes desta circunstancia porque aquí hai moito campo que aproveitar”, advirte Patricio Sánchez.