DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entregáronse galardóns en pintura, fotografía, creación audiovisual e maquetas de música

A edición 2018 dos Concursos Universidade de Vigo xa ten gañadoras e gañadores

Os estudantes do campus de Pontevedra copan, un ano máis, a maior parte dos premios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 27/09/2018

Os Concursos Universidade de Vigo’18  xa teñen gañadoras e gañadores. Ao longo das últimas semanas fóronse coñecendo as persoas gañadoras de cada unha das categorías convocadas: pintura, fotografía, creación audiovisual e maquetas de música. En total entregáronse dez premios e a categoría dos traballos presentados levou ao xurado a conceder tamén catro accésits cos que recoñecer a valía daqueles proxectos que, pese a non ser premiados, teñen tamén un importante valor artístico. En total repartíronse entre todos os premiados e premiadas preto de 6 000 euros cos que agasallar ao alumnado con máis inquietudes artísticas e alentalos a non deixar nun caixón as súas ideas máis creativas.

Marcos Covelo gaña o XVI Premio de Pintura

O premio de pintura, valorado con 1500 euros,  foi nesta ocasión para o estudante de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo pola obra Sen título. “O meu traballo parte da utilización de variadas estratexias creativas relacionadas coa apropiación, a posprodución e a seriación”, explica o artista, que fai fincapé en que, desde o inicio da súa práctica artística busca e recompila imaxes a través dos medios de comunicación e rexistros propios que, de maneira sistemática, ordena e clasifica por grupos. “Máis tarde, todos estes rexistros son empregados como material de traballo na miña obra”, recalca. “Baséome precisamente en reciclar imaxes ou obxectos xa informados e introducilos nun novo contexto que mude ou contraste co significado oficial da fonte”, engade Covelo.

Cristina Rubal e Arancha Álvarez, o XV Certame de Fotografía

No caso do certame de fotografía repartíronse un total de catro premios. Na modalidade Serie o primeiro premio, dotado con 600 euros, foi para Cristina Rubal polo traballo Reflejos de Luz, un proxecto baseado na fotografía dixital de fragmentos de nus femininos en branco e negro como medio para transmitir diferentes emocións e sensacións. “É un traballo no que trato de romper coa clásica concepción do nu e deixar que o corpo se amose desde unha perspectiva máis desafiante”, explica a autora, estudante do Grao en Belas Artes. “Nas imaxes os corpos están en tensión e isto vese potenciado polo forte contraluz das imaxes, o que a priori no espectador provoca unha certa sensación de incerteza e dá renda solta para que faga as súas propias interpretacións”.

No caso da modalidade de Fotografía Única o xurado outorgoulle o primeiro premio -400 euros- a Inocencia de Arancha Álvarez. Os segundos premios foron para Dennise Sánchez por Verde Monte Muerte, en serie fotográfica e Dimorfismo, de Anubis Muñoz, en categoría de fotografía única.


Múltiples galardóns nos XVI Premios de Creación Audiovisual 

En Creación Audiovisual convócanse premios en catro categorías: curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación. En curta narrativa decidiuse premiar co primeiro premio  -600 euros- o traballo Estatus, unha historia de ficción e fantasía, dirixida polo alumno de Comunicación Audiovisual Ricardo Araújo, cara máis visible dun equipo composto por nove estudantes desta titulación e protagonizada polos actores Fernando Tato, Susana Sampedro, Fran Paredes, Laura Ponte e Diego González. Premiada tamén no Festival FIC Bueu (Mellor curtametraxe de escolas e facultades 2018) a curta “conta a historia dunha familia poderosa que se ve obrigada a tomar unha decisión que pode marcar a súa posición dentro dunha sociedade distópica, gobernada por un sistema controlador, na que ninguén pode ocultar a característica máis esencial do seu ser, o seu estatus”.

En Documental o primeiro premio foi para Metralla de Noemí Parga e declarouse deserto o segundo, ao igual que aconteceu co primeiro e segundo premio da categoría de animación, se ben o xurado decidiu outorgar un accésit ao traballo El pasillo de papel de Noa Castro, pola súa coherencia estética en relación aos referentes fundacionais da técnica de animación Pixilation, e outro a Hijo de la luna, realizado por un equipo de catro alumnos, e do que destacaron o tratamento do relato mediante os recursos visuais. 

Na modalidade experimental recibiu o primeiro premio En verso de Cristina Garre e quedou deserto o segundo. A maiores recibiron cadanseu accésit: Metamorphosis, de Isaac González e Alba Domínguez, “por expoñer a complexidade dun concepto difícil de definir ao través dunha lograda formación visual baseada na percepción emocional”, e Latexos, de Aitor Víctor Fernández, “pola capacidade de expoñer unha constante sorpresa na toma e pola presenza dun orixinal tratamento da luz”.

Projets by Laura, en Maquetas de música

No Premio de Maquetas de Música, que este ano acadou xa a súa décimo sexta edición, premiouse o traballo Projets by Laura, da estudante de Dereito Laura Cordeiro. “É un proxecto no que falo, en boa medida, de experiencias vividas maioritariamente hai dous anos: amor, ansiedade, un ano de estudos en Inglaterra... A inspiración veume, ademais de por historias que vivín en primeira persoa, por cousas que lle pasan ao meu círculo máis próximo e que me serven para crear unha historia e escribir a canción”, explica a estudante, ao que engade que espera, en non moito tempo, poder falar do seu propio álbum.