DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Parrilla, directora do proxecto de investigación ‘A Estrada inclusiva’, adianta algunha das

A educación inclusiva precisa do apoio da contorna local

Docentes das escolas participantes reuníronse esta semana para pór en marcha unha rede intercentros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 20/01/2012

A diversidade como elemento enriquecedor nas aulas. Este é o novo enfoque educativo que a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Vigo, Ángeles Parrilla, defende no proxecto de investigación Escolas que camiñan cara a inclusión educativa posto en práctica nas escolas públicas do concello de A Estrada. Esta semana o estudo deu novos froitos ao celebrarse un novo encontro con todo o corpo docente da zona coa finalidade de consolidar unha rede intercentros que permita traballar de xeito conxunto pola implantación de unha educación “para todos os nenos, independentemente das súas condicións persoais, sociais ou culturais”. Unha das principais conclusións de estas xornadas é a necesidade de que o traballo dos centros “se vexa apoiado polo contexto local”, destaca Parrilla, expandindo o concepto de inclusión máis aló das paredes da aula.

Este proxecto pioneiro, financiado polo Ministerio de Educación e liderado dende a Universidade de Vigo pola propia Ángeles Parrilla en colaboración coas de Sevilla e Cantabria, xa arroxa uns primeiros resultados como que a educación inclusiva precisa de actuacións locais concretas que dean apoio aos esforzos individuais dos centros escolares. Como sinala a propia coordinadora “non só fan falla leis nacionais e internacionais que promovan a inclusión, senón tamén a implicación do tecido social máis próximo”. Parrilla explica que durante a investigación comprobaron que os nenos e nenas “aceptan a diversidade na escola xa que están en centros que a valoran positivamente, pero cando falan da diversidade na sociedade, as súas ideas son máis excluíntes, por exemplo, coa poboación emigrante” de aí que o soporte local sexa “vital” para a consolidación de unha educación inclusiva.

Os colexios de A Estrada, da man

O proxecto, en marcha dende 2011, xa completou unha primeira fase na que os colexios participantes identificaron as súas prioridades específicas para pór en práctica unha educación máis inclusiva. Na actualidade a investigación atópase no segundo ámbito de traballo motivo polo cal esta semana se celebrou unha xuntanza con todas as escolas que colaboran no proxecto, co fin de crear unha rede de intercentros que coordine e conecte as accións propostas por cada un. Para a catedrática, este intercambio de experiencias entre centros ten un impacto moi positivo no proxecto xa que axuda a crear “un sentimento de comunidade e de esforzo compartido que anima a seguir adiante co cambio” e, por outra banda, “supón un enriquecemento mutuo” no que se revisan, cuestionan e melloran as medidas tomadas nun principio.

No encontro formáronse sete mesas de traballo intercentros formulándose en todas elas a necesidade de desenvolver algunha actividade conxunta “máis aló do intercambio de opinións”. Para iso planificaron para o mes de febreiro a posta en marcha do Mural fotográfico sobre a escola “que será realizado polos nenos e nenas dos distintos centros e no que tamén participará a familia”, comenta Parrillas. A nivel xeral, todos os colexios participantes coinciden en que deben centrar os seus esforzos en mellorar a metodoloxía na aula, a convivencia entre os distintos membros da comunidade escolar, potenciar o uso das novas tecnoloxías e dar máis voz ao alumnado no proceso de inclusión.

Despois da consolidación de esta rede intercentros, pasarase a un terceiro ámbito de traballo no que se abrirá as actuacións dos centros á sociedade “e se involucrará ao concello e a outras entidades e institucións da contorna para establecer un verdadeiro proxecto inclusivo en A Estrada”, conclúe Parrilla.