DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse o 19 de abril nos Xardíns do Posío e no campus de Ourense

Educación Social ultima a celebración das Xornadas Interxeracionais

O seu obxectivo é que persoas maiores e nenos compartan un día de xogos e convivencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/04/2012

Que os nenos ensinen aos maiores os seus xogos e como se divirten e viceversa. Este é o obxectivo das IX Xornadas Interxeracionais que se celebrarán o día 19 de abril e nas que arredor de 30 estudantes e docentes de Educacion Social de Ourense traballan intensamente estas semanas. Como en edicións anteriores haberá xogos tradicionais, videoconsolas, música, merenda con regueifas e contacontos. Pero sobre todo haberá moitas ganas de compartir un día especial entre xeracións moi distintas pero con moito que ensinarse mutuamente. A cita será este ano no campus de Ourense pero tamén nos Xardíns do Posío.

As IX Xornadas Interxeracionais son, como salienta Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, “unha cita tradicional do campus que destacan pola implicación na súa organización e desenvolvemento dos estudantes de primeiro e segundo curso de Educación Social e de diferentes entidades externas, como centros de maiores e colexios”. Deste xeito, na preparación da actividade participan arredor de 30 universitarios ourensáns que se ven semanalmente no centro e diariamente nun grupo propio de Facebook. Ademais, na organización está a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos e a iniciativa conta co patrocinio da Vicerreitoría do campus ourensán. 

Sacar o neno que levamos dentro

“A idea que nos move é conseguir que nenos e adultos poidan compartir coñecementos e xogos, pois uns poden aprender moito doutros. Os rapaces achegan enerxía e vitalidade e iso permítelles aos maiores lembrar e recuperar, de certa maneira, ese espírito de neno que teñen esquecido”, explica Tania Losada, membro da organización das xornadas e alumna de segundo curso de Educación Social. Para acadar este obxectivo, levan traballando desde febreiro no deseño das accións e en conseguir a participación de colexios, de centros de maiores e de entidades similares.

Como novidade este ano as Xornadas Interxeracionais sairán do campus universitario para estreitar os lazos coa cidade de Ourense. Deste xeito, os participantes daranse cita na Praza Maior para logo desenvolver os xogos nos Xardíns do Posío, un punto de encontro habitual para a xente maior e os nenos ourensáns. Xa pola tarde, as actividades continuarán no campus cunha comida colectiva nos xardíns, cunha sesión de música a cargo de Patricia Varela e outra de contacontos con Celso Fernández, cunha quenda de xogos e cunha merenda amenizada con regueifas de Benito Lobariñas, Luis Caruncho e Josiño da Teixeira. Un amplo programa no que os organizadores quere agradecer especialmente a implicación da Aula para Maiores do campus.

Mentres se ultiman os detalles da celebración, nenos, maiores, universitarios e docentes implicados agardan con ilusión esta cita, na que terán a oportunidade de rachar as habituais diferenzas interxeracionais para dar paso a unha convivencia e interacción na que o único importante serán as ganas de divertirse e pasar un día diferente.