DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será este xoves ás 18.00 horas no salón de actos da escola

Egresadas e egresados da Escola de Enxeñería Industrial traen ao campus as súas ‘experiencias inspiradoras’ na 5ª edición do MEI Day

A xornada porá en valor o importante papel destes profesionais para o desenvolvemento da sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/12/2023

A Escola de Enxeñería Industrial celebrará este xoves unha nova edición do MEI Day, o Día do Mestrado en Enxeñaría Industrial, unha iniciativa coa que se busca facilitar o encontro de egresadas e egresados co alumnado do centro, en especial as alumnas e alumnos deste máster e os estudantes dos últimos cursos de grao que está pensado en matricularse nel. “Queremos pór en valor e visibilizar a importancia da Enxeñaría Industrial a través  das experiencias de persoas egresadas da nosa escola”, salienta o director do centro, Juan E. Pardo, quen salienta que nesta edición, a quinta xa,  se contará cunha mesa de participantes “moi atractiva e variada”. Será ás 18.00 horas no salón de actos da sede campus da escola.

Trátase de ofrecerlle ao alumnado relatorios de interese xeral, independentemente do sector ou tipo de empresa na que cada enxeñeiro ou enxeñeira desenvolve a súa actividade, ofrecendo mostras da importancia desta profesión e das múltiples oportunidades que existen a nivel laboral. Nesta ocasión participarán nas xornadas tres mulleres de dous homes: María Luisa Brandt Sanz, directora xeral do Grupo Servicio Móvil, líder en España en solucións integrais de loxística hospitalaria e en dixitalización de historias clínicas; Olaya Cea Fontela, responsable de enxeñaría na empresa Carrocera Castrosúa, dedicada á fabricación de carrocerías de autobuses; Natalia Vidal Gómez, enxeñeira especialista en Redes de Electricidade en UFD Facultativa de Obra de Distribución Eléctrica; Santiago García Seone, xerente de mantemento OSP Norte en Renfe Fabricación e mantemento e profesor asociado da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo, e  Joaquín José Sierra Andrés, responsable da área de Mobilidade con hidróxeno no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG.

Esta edición vén marcada pola renovación do prestixioso selo ABET

Nesta edición, ademais de poñer en valor o papel da Enxeñaría Industrial, desde a escola búscase tamén resaltar o programa do Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI que, hai apenas unhas semanas, superou “de maneira moi exitosa” o proceso para a renovación do prestixioso selo internacional ABET (Accreditation Board for Engineering and Technology). “Este selo pon os estudos do Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI ao nivel das principais escolas de España e supón un recoñecemento á excelencia formativa no ámbito da Enxeñería Industrial”, subliñan desde a organización. Tendo en conta a consecución deste importante logr nesta edición contarase coa colaboración do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriales de Galicia, Icoiig, que, con motivo da obtención da renovación do selo ABET no Mestrado en Enxeñería Industrial, outorgará un recoñecemento especial pola consecución deste gran fito.

A xornada está aberta a todos os estudantes da EEI, especialmente aos que están a cursar os últimos cursos de grao ou o Mestrado en Enxeñería Industrial e é tamén unha oportunidade para aquelas persoas, enxeñeiros/as industriais, egresadas da EEI. As persoas interesadas en asistir deben inscribirse na web do evento.