DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antes de rematar 2012 deberanse convocar de novo eleccións a decano do centro

Elisa Alén continuará ata decembro ao fronte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O equipo decanal en funcións incorpora a Manuel Alfredo Mosquera en substitución de Ana Gueimonde

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 20/09/2012

O proceso de eleccións ao decanato da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense continúa en marcha e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, vén de encomendar ao actual equipo decanal, con Elisa Alén á cabeza, que continúe en funcións e que convoque de novo eleccións no centro antes do 31 de decembro de 2012. Esta decisión prodúcese despois de que o pasado 6 de setembro rematase o prazo de presentación de candidaturas a decano ou decana do centro e quedase deserto.

O equipo decanal en funcións será practicamente o mesmo que exerceu durante os tres últimos anos a dirección do centro e que estivo formado por Elisa Alén, decana da facultade; Elena Gallego, vicedecana de Calidade e Alumnado; Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos; Ana Gueimonde, vicedecana de Ordenación Académica e Xestión Informática, e Ana Pérez, secretaria. A única variación é que Ana Gueimonde deixa o cargo e é substituída por Manuel Alfredo Mosquera.

Esta encomenda dá continuidade ao proceso de renovación do equipo decanal iniciado o pasado 18 de xullo. Ante a ausencia de candidatos, a votación quedou anulada e foi o reitor da Universidade de Vigo o que nomeou esta semana a un equipo decanal provisional para a facultade. A pesar de realizar unha valoración moi boa da etapa de goberno, o equipo encabezado por Elisa Alén decidiu non presentarse de novo ás elección debido ao esforzo persoal que supón traballar nun decanato e ao feito de que practicamente todos os membros do equipo son persoal contratado da Universidade e non funcionarios, o que lles obriga a centrarse en consolidar os seus postos académicos. Mentres se dispoñe a continuar tres meses máis en funcións, Alén lembra que “é o momento de que outras persoas da facultade dean un paso adiante e asuman elas o decanato”.