DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inauguración dun congreso internacional organizado pola Universidade, RFEP e polo Club As Torres

A elite do piragüismo fai balance dos resultados de Londres 2012

Este xoves interveu o adestrador Jesús Morlán que comentou a actuación de David Cal nos Xogos Olímpi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 11/10/2012

Unha vez rematada a competición, chega o momento de facer balance. Este xoves botou a andar a IV edición do Congreso Internacional de adestradores de piragüismo en augas tranquilas que reúne ata o 13 de outubro “aos mellores profesionais do mundo desta disciplina”. O encontro, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, pola Real Federación Española de Piragüismo, RFEP, e polo club As Torres de Catoira, volve coincidir, como en edicións anteriores, coa celebración dos Xogos Olímpicos, tendo como eixe principal de análise as competicións de piragüismo que de Londres 2012.

O acto inaugural do congreso estivo presidido pola decana da facultade, Francisca Fariña, acompañada do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; do presidente da RFEP, Juan José Román; do presidente da RFGP, Alfredo Bea, e do alcalde de Catoira, Alberto García. Francisca Fariña agradeceu publicamente o esforzo e dedicación do presidente do comité organizador, o profesor Manuel Isorna, “pois organizar catro congresos en calquera área de coñecemento é un logro, pero moi especialmente en ámbitos tan específicos como o deste evento”. Todos os presentes fixeron alusión aos logros acadados nestes últimos Xogos Olímpicos polos piragüistas galegos, como David Cal ou Teresa Portela, “triunfos que agochan unha gran traballo técnico, deportivo e científico”, engadiu a decana.

Ricardo Leiva e Jesús Morlán na primeira xornada

Os preto de 115 inscritos no congreso, procedentes de Alemaña, Angola, China, Eslovaquia, Eslovenia, España, Italia, Portugal, Francia, Nova Zelanda, Lituania, Sudáfrica e Suecia afondarán ao longo destes tres días nos resultados conseguidos polos deportistas desta modalidade nos últimos Xogos Olímpicos, así como nas cuestións máis técnicas, como o deseño das palas e das embarcacións empregadas nas competicións finais. “Os resultados de Londres foron moi bos para este deporte e non só nos fixaremos nas medallas conseguidas por David Cal, Saul Cravioto e Maialen Chourraut, tamén nas claves do cuarto posto de Teresa Portela e de Sete Benavidades así como o acceso á final de Francisco Cubelos con só 19 anos”, subliñou o profesor Isorna que tamén salientou o perfil científico do congreso “o que nos permita consolidar a Galicia como potencia de algo que de por si destaca a nivel mundial e non perder así o liderado”.

O ciclo de conferencias comezou coa intervención de Ricardo Leiva, director xeral do COE que reflexionou sobre o presente e o futuro do piragüismo nos Xogos Olímpicos. De seguido foi a quenda de Jesús Morlán, adestrador de David Cal, que fixo un balance “excelente” dos resultados conseguidos polo cangués en Londres. Ademais de compartir cos presentes a estratexia técnica e táctica de Cal na competición, Morlán tamén destacou o nivel de compromiso que o profesor Isorna amosa co piragüismo, “divulgando, promovendo, mellorando e tutelando a relación deste deporte coa educación”. Morlán recoñeceu que Galicia está a perder parte do seu liderado nacional, polo que este encontro internacional supón “unha fonte de información vital” para impulsar e mellorar a formación dos técnicos galegos. Tamén apuntou que as novas tecnoloxías xa supoñen unha ferramenta “importante” para o desenvolvemento da actividade, pero falou dun futuro “incerto” para o piragüismo “xa que se nota un descenso da cantidade e calidade de participantes e non existe un plan real de tecnificación deportiva nin de procura de talentos deportivos”. A xornada do xoves pechouna Fernando Alacid, profesor da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidad de Murcia, encargado de facer unha comparativa entre os Xogos Olímpicos de Pequín e Londres.

O congreso continuará este venres e sábado “con expertos de primeiro nivel” como Miguel García, adestrador de Saúl Cravioto; Alexander Nicarov, seleccionador do equipo británico con dúas medallas olímpicas; Miklos Simon, responsable do equipo feminino inglés; Carlos Prendes, técnico do equipo nacional de Bélxica ou Istvan Vascuti, un dos profesionais da canoa máis recoñecido internacionalmente, “ademais doutros conferencias que achegarán máis apuntamentos sobre a evolución do piragüismo nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos”, engadiu Isorna.