DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle un seminario sobre o poder nas monarquías ibéricas durante o Antigo Réxim

As elites do século XVIII buscan o seu sitio na historia

A cita reúne a destacados expertos estatais e internacional neste ámbito

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/12/2011
O exercicio do poder sempre atraeu a mirada e a atención de moitos. A fascinación que espertan as elites, o seu universo de relacións e as súas accións, transmítese a diferentes áreas de estudo, entre elas a historia. Para avanzar no seu coñecemento, o campus de Ourense acolle os días 1 e 2 de decembro o seminario internacional Elites e poder nas monarquías ibéricas: do XVIII ás reformas liberais. Unha ocasión única para, da man de expertos estatais e internacionais, botar unha ollada histórica pero tamén social á vida daqueles que exerceron o poder séculos atrás en España e Portugal.

O seminario foi inaugurado este xoves por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Victoria Carballo Calero, decana en funcións da Facultade de Historia, e María López, coordinadora da iniciativa. Tanto María Lameiras como Mª Victoria Carballo Calero quixeron felicitar aos organizadores, o grupo de investigación de Historia Moderna da Universidade de Vigo, pola celebración deste seminario e pola a calidade do seu programa e dos relatores participantes. a A súa celebración, segundo salientou María López, enmárcase dentro das actividades do proxecto de I+D A Galicia meridional no século XVIII: exercizo do poder, elites e estratexias familiares, financiado polo MEC e a Universidade.

O seminario reúne a investigadores estatais e estranxeiros que dedican ou dedicaron investigacións ao estudo das elites políticas ou sociais das monarquías ibéricas durante o Antigo Réxime, concretamente desde mediados do século XVII á etapa constitucional do XVIII. Estruturado en tres sesións, os organizadores queren analizar neste encontro o binomio elites das cortes-elites locais e distintos aspectos destes grupos de poder, como as súas estratexias vitais. Tamén afondarán na súa relación coa nobleza, prestando especial atención ás diverxencias existentes dentro do estamento de nobles, e no seu vocabulario social.

Da historia á historia social

Para comezar estas sesións, José Martínez Millán, da Universidade Autónoma de Madrid, fixo un primeiro achegamento ao que é o propio estudo das elites e os grupos de poder na corte. Deste xeito, salientou o salto que supuxo pasar do estudo “institucional” destes grupos, que se centraba na súa historia administrativa, a pasar ao estudo da “historia social da administración”, na que se ten en conta o aspecto sociolóxico do poder e das persoas que o ostentan.

Coa súa intervención comezaron unhas conferencias que reúnen en Ourense a expertos como Isolina Rionegro e Antonio Presedo, da Universidade de Vigo; Pegerto Saavedra e María del Carmen Saavedra, da Universidade de Santiago; Francisco Andújar, da Universidade de Almería; María Rosario Porres, da Universidade do País Vaso, e Francisco José Aranda, da Universidade de Castela-A Mancha. Do ámbito internacional, participan os investigadores lusos Nuno Monteiro e Roberta Stumpf.