DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora foi a protagonista da última xornada do ciclo Pioneiras, co gallo do Día Internacional d

Emilia Pardo Bazán, unha feminista de obra e non só de palabra

Coa presenza de Ana María Freire, catedrática da UNED e José Manuel González Herranz, catedrático da

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/03/2012

Este xoves anunciouse a recuperación dunha novela escrita por Emilia Pardo Bazán aos 13 anos, boa mostra do empeño e vocación que a levaría a ser unha das escritoras senlleiras da literatura española. Pero a nobre coruñesa tivo que saltar moitos obstáculos e esquivar moitas cambadelas, mesmo da familia e das súas contemporáneas, para vivir por e para a literatura. O seu foi un feminismo de obra, de accións e non de palabras e discursos, motivo polo que nunca quixo publicar en revistas para mulleres nin sobre temas de mulleres, senón asinar artigos nas mesmas revistas e xornais que os grandes nomes do século XIX e XX. Por iso a condesa foi a protagonista da derradeira xornada do ciclo Pioneiras. Unha homenaxe ás primeiras loitadoras polo recoñecemento da muller, que a Unidade de Igualdade da Universidade organizou nos tres campus co gallo da celebración do Día Internacional da Muller.

A última parada deste evento foi na Facultade de Filoloxía e Tradución para analizar a figura de Emilia Pardo Bazán e a súa implicación na causa da muller da man de Ana María Freire, catedrática de Literatura Española da UNED. Tras o seu relatorio proxectouse Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, cinta presentada por José Manuel González Herranz, catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela, experto na vida e obra da condesa e asesor do guión desta película.

Unha muller nun mundo de homes

Con insistencia Emilia Pardo Bazán abriuse camiño nun mundo de homes para acabar converténdose “nun referente na causa da muller”, como explica a catedrática Ana Mª Freire. O xénero para ela foi un obstáculo, pero “non un impedimento” e o seu esforzo tivo como froito ser recoñecida como “unha das grandes do xénero novelesco” pero tamén do xornalismo e da literatura epistolar. De feito, Pardo Bazán relacionábase e contaba co respecto dos seus contemporáneos de máis renome, como Menéndez Pelayo ou Benito Pérez Galdós e puxo todo o seu talento e empeño para ser muller e escritora pero nas mesma revistas e publicacións que os homes, dende as súas mesmas tribunas. “Foi unha adiantada ao seu tempo como escritora e como muller porque exerceu un feminismo intelixente, eficaz e práctico” pero non violento nin estridente, apunta a catedrática da UNED, e fíxoo con accións contra corrente, non teorizando sobre a igualdade, senón exercéndoa. Súa foi a primeira novela, La Tribuna, que tiña como protagonista a unha muller obreira.

De formación autodidacta, a escritora xa de nena prefería estudar latín a piano, e cultivou o seu interese polas linguas para poder ler aos grandes das letras de todos os tempos no seu idioma orixinal. Así, dominaba ademais de castelán e galego, latín, francés, inglés, alemán, italiano, etc inspirada pola súa sede de coñecementos e grazas ás súas continuas viaxes. Ana Mª Freira recoñece que a súa posición social e familiar foi unha vantaxe, pero remarca que Pardo Bazán decidiu independizarse da súa familia tamén no económico. “Deixou de recibir cartos do seu pai e insistiu en vivir da literatura e do xornalismo”, disciplina que consideraba “como o pan, un alimento indispensable e diario”. Como periodista escribiu nas máis importantes cabeceiras da época e foi correspondente en algúns dos eventos máis salientables como varias exposicións universais, o que contribuíu á súa formación intelectual tanto como o fixo a lectura.

Grazas á súa insistencia e á súa valía como escritora, foi a primeira muller catedrática de universidade en España. Foi tamén emprendedora poñendo en marcha a fallida Biblioteca de la Mujer e dirixiu a Revista de Galicia, da que sacou á rúa 30 números escritor integramente por ela. Pero o seu carácter pioneiro traspasou á escrita e ao feminismo, sendo a primeira persoa en Madrid en ter luz eléctrica no seu fogar e das primeiras en instalar un teléfono e en usar a máquina de escribir e o automóbil, “na actualidade sería unha apaixoada das novas tecnoloxías”, apunta a catedrática da UNED. A condesa de Pardo Bazán tamén recoñeceu dende o primeiro momento a potencial do cine, segundo explica o catedrático santiagués José Manuel González Herranz, “polo que seguro que estaría orgullosa” da película Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, coa que puxo fin a esta xornada e á programación da Universidade para conmemorar o Día da Muller.