DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A decana de Historia retírase despois de 38 anos de traballo na Universidade

Emotiva despedida de Milagros Cavada pola súa xubilación

Membros da comunidade universitaria e antigos alumnos rendéronlle homenaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/10/2011
Son 38 anos de traballo no campus de Ourense. Moitos anos de historia, moitas promocións de alumnado, moitos compañeiros de fatigas e moitas experiencias vividas. Milagros Cavada, ata o de agora decana da Facultade de Historia de Ourense, despediuse este venres da comunidade universitaria facendo balance vital e profesional de toda unha vida dedicada á docencia, a investigación e á xestión académica que agora remata coa súa xubilación. Un emotivo acto no que estivo arroupada por amigos, compañeiros do campus e antigos alumnos que lle quixeron render un cariñoso recoñecemento pola súa dedicación.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; as profesoras María López e Mª Victoria Carballo, que asume o decanato ata que se realicen eleccións, e o catedrático da Universidade de León Manuel Rabanal foron os encargados de pór voz nesta homenaxe de despedida á profesora Cavada. “Esta Universidade síntese orgullosa de todo o traballo que tes desenvolto durante estes anos e date as grazas por esa dedicación”, quixo salientar a vicerreitora do campus durante o acto.

Moito traballo e ilusión

Este traballo polo campus e pola Facultade de Historia tamén foi salientado por María López e Mª Victoria María Carballo, que o cualificaron de “fundamental” no desenvolvemento do centro, ao mesmo tempo que facían constar a calidade de Mili como compañeira de fatigas. Pola súa banda, o catedrático Manuel Rabanal foi o encargado de realizar unha sentida disertación sobre “a excelente labor de Milagros” ao longo do seu exercicio profesional e desexou que esta xubilación “non sexa un punto final senón unha continuidade” que lle permita abrir unha nova etapa na súa vida.

Milagros Cavada quixo agradecer a asistencia dos presentes botando unha ollada atrás aos seus 38 anos de docencia e de vida que tiveron como escenario o campus de Ourense. Con especial emoción recordou os primeiros anos da posta en marcha dos Colexios Universitarios en Ourense a partir de 1973. “Foi moito traballo pero fixémolo con moita ilusión, esa ilusión das persoas novas que o dan todo e o entregan todo”, salientou.

Despois destes duros comezos viñeron anos de traballo por consolidar os estudos de Historia no que “a mochila que todos levamos ás costas se foi cargando de cousas boas e cousas malas pero das que todas aprendín. En todo momento procurei dar o mellor de min mesma e non sei se o conseguín ou non pero así o intentei”, explicou. “Eu agora xa deixo a un lado a mochila pero seguirei estando aí, axudando a quen poida e a quen o necesite”, dixo aos asistentes.