DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de membros da compañía A Navalla Suiza, dedicada a solucións de comunicación para Internet

Emprendedores galegos exporán no campus a súa experiencia no mundo empresarial

O evento está organizado polo grupo Iniciador e quere fomentar o autoemprego

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 16/12/2009
A Navalla Suiza é unha empresa coruñesa fundada no ano 2008 que dedica a súa actividade a asesorar e desenvolver solucións de comunicación en Internet. A compañía puxérona en marcha cinco emprendedores “porque pensamos que había un espazo no panorama empresarial galego para facer un modelo de webs cunha calidade de deseño e de xestión que era necesaria”, segundo explica Berto Yáñez, coordinador do grupo. Dous representantes da empresa, o propio Yáñez e o programador Álvaro Gómez visitarán este venres a Escola Superior de Enxeñería Informática para explicarlles aos asistentes a súa andaina no mundo empresarial. A iniciativa está organizada polo movemento Iniciador, unha comunidade de emprendedores que ten por obxectivo fomentar o autoemprego a través de actividades de formación onde empresarios con compañías xa consolidadas axuden, asesoren e animen a todas aquelas persoas que teñen unha idea de negocio e pensen en dar o salto ao mundo empresarial.

Galicia, terra de emprendedores pero non de cooperación

Na súa intervención este venres os poñentes falarán do camiño que tiveron que percorrer para montar a súa propia empresa e farán tamén “unha pequena crítica ao propio concepto de emprendedor tal e como se entende tradicionalmente e no que priman as estratexias individualistas e cooperativas”. Neste senso Berto Yáñez asegura que Galicia é unha terra de emprendedores, pero non unha terra de cooperación. Nas súas palabras, “somos moi individualistas e ese modelo xa non funciona porque o novo modelo económico baséase na cooperación para poder competir”, declara. Á hora de falar da súa experiencia como empresarios asegura que a ilusión por crear o seu propio negocio foi determinante á hora de superar os atrancos, aínda que recoñece que sempre hai riscos “e nos primeiros tempos hai que manter actividades paralelas para poder sacar suficiente volume de ingresos”, declara. E failles unha única recomendación a todas aquelas persoas que estean pensando en montar a súa propia empresa. “Que fagan cousas con calidade”, afirma.

A Escola Superior de Enxeñería Informática é un dos patrocinadores da iniciativa

A Escola Superior de Enxeñería Informática é un dos organismos patrocinadores do proxecto Iniciador Galicia. O seu director, Enrique Barreiro, explica que este apoio vén dado pola importancia de apoiar iniciativas que promovan o espírito emprendedor en Ourense e en toda Galicia. Segundo explica, “hai estudos que sinalan que o setenta por cento do alumnado ten como obxectivo ser funcionario e un país necesita de persoas que emprendan, que poñan en marcha ideas e que creen riqueza”, subliña. A actividade do venres está dirixida non só aos membros da comunidade universitaria se non tamén ao público en xeral. Con todo, Enrique Barreiro subliña a importancia do evento para o alumnado universitario. “Neste encontro os estudantes non van aprender conceptos, nin linguaxes de programación nin tampouco arquitecturas tecnolóxicas se non que van ver actitudes emprendedoras e de iniciativa empresarial”.
Trala exposición dos membros de A Navalla Suiza os asistentes ao encontro terán a oportunidade de coñecerse e comentar os seus plans de negocio, algo moi valorado polo director da escola. Segundo explica, “neste tipo de encontros transmítese unha cultura de compartir ideas moi importante e deles poden xurdir novos equipos de traballo con novas posibilidades de negocio”, conclúe.