DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25ª edición de LaconNetwork “INCUVI”

Emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico comparten experiencias no campus

O encontro contou coa participación de Miguel Silva, cofundador de Blu:sens, e “emprendedor galego d

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/02/2012
Emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego reuníronse este venres no campus nunha xuntanza “informal pero moi estable”, a 25ª edición de LaconNetwork, un encontro que se celebrou por primeira vez nun centro universitario e que, como cada último venres de mes, reúne arredor dun “bo xantar” aos emprendedores galegos que se dedican ás novas tecnoloxías, innovación e, sobre todo, á rede.

Previo a este xantar os emprendedores puideron intercambiar opinións con Miguel Silva, cofundador de Blu:sens e “un dos emprendedores de referencia a nivel galego”, tal como subliñou na súa presentación o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, que foi o encargado de darlle a benvida a todos os asistentes a unha xornada “que estamos encantados de que se celebre aquí, xa que un dos nosos obxectivos prioritarios é motivar aos nosos alumnos e alumnas e tamén aos egresados a que tomen a iniciativa de emprender”, recalcou Vilán, que insistiu na importancia “de levar a sociedade non só os nosos coñecementos, senón tamén de axudar a que o noso alumnado poida intentar facer os proxectos que teñen nas súas cabezas”.

Físico de formación e cun currículo ao que o vicerreitor se referiu como “apabullante”, Miguel Silva impartiu o relatorio Where is my crispy bacon?, unha charla na que pouco a pouco foi contando aos asistentes anécdotas reais que lle foron acontecendo na súa dilatada traxectoria profesional, na que se inclúe, entre outros, o cargo de director xeral de Televés para Oriente Medio e Asia e ser o presidente fundador do Spanish Business Council nos Emiratos Árabes Unidos.

Contactar coas redes de emprendemento

O obxectivo deste xuntanza “é compartir inquietudes”, tal como lembrou un dos cofundadores, Josuke Pérez, quen lembrou que a idea xurdiu “diante dun bo cocido en Baamonde” e que o mes pasado, na LaconNetwork Two Years, reuniu a máis de 500 emprendedores entre os presencias e os que seguiron o encontro a través do streaming do vídeo. “É un encontro que xa está consolidado e que vai medrando mes a mes, pero segue coa mesma filosofía de ser un lugar de encontro no que conseguir contactos e poder falar do teu proxecto”.

Esta visita ao campus permitiu aos universitarios ter un primeiro contacto coas redes de emprendemento de Galicia, interactuando con potencias mentores, inversores, etc.