DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartiranse os de Xestión Deportiva, Turismo de Interior e Innovación na Empresa

Empresariais e Turismo presenta unha oferta de mestrado adaptada á demanda do mercado

O prazo de preincrición está aberto do 1 ao 7 de xullo de 2011

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 30/06/2011
Este venres, día 1 de xullo, comeza o prazo para a preincrición na oferta de mestrados da Universidade de Vigo. Entre a variada programación que hai para o vindeiro curso, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense vén de presentar os tres estudos de posgrao que impartirá no curso 2011/2012. Son os mestrados en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e en Xestión Empresarial do Deporte. O prazo para apuntarse remata o vindeiro 7 de xullo.

“Cunha orientación profesionalizante nos tres casos, estes posgraos integran metodoloxías plenamente adaptadas ao EEES e supoñen un valioso complemento formativo para o alumnado galego e de fóra, estendendo o seu ámbito de actuación máis aló das fronteiras ourensás”, salienta Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Deporte

Unha das novidades máis destacadas da oferta é o novo Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, coordinado polo profesor Ángel Barajas e que supón o único mestrado oficial nesta materia en Galicia e no noroeste peninsular. Segundo o seu coordinador, esta proposta nace a raíz de que “a xestión deportiva (sport management) tense convertido nos últimos tempos nun campo onde as saídas laborais presentan perspectivas favorables”. Os servizos deportivos, explica, fanse cada vez máis variados e complexos e as demandas dos seus clientes requiren respostas cualificadas, creativas e adecuadas por parte destes profesionais.

O mestrado está dirixido a titulados universitarios que desexen especializarse na área da xestión deportiva ou que queiran facer do deporte o seu medio de vida. De todos os xeito está especialmente orientado para titulados en Administración e Dirección de Empresas, Económicas, Dereito ou Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Turismo

Referente en Galicia polos seus estudos en Turismo, a facultade tamén ofrecerá o vindeiro curso o mestrado en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. “Trátase dun título cun itinerario profesionalizante que afonda e amplía aspectos do turismo xa tratados no Grao de Turismo e outros novos, facendo fincapé no Turismo Interior e de Saúde, recursos potenciais de Galicia e en especial da provincia de Ourense”, explica o seu coordinador, o profesor José Antonio Fráiz.

Os obxectivos deste mestrado son a preparación de profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de empresas, actividades e institucións turísticas e a formación de expertos que orienten a súa carreira profesional ao ámbito da investigación e o desenvolvemento do coñecemento no ámbito do turismo. Aspira a formar a profesionais altamente cualificados que se insiran e melloren o sector turístico, achegando novas ideas, modos de xestionalas e de implantalas.

Facendo empresa

A terceira das opción que ofrece a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é o Mestrado en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, coordinado pola profesora Nuria Rodríguez. “Este mestrado ten unha orientación interdisciplinar e vocación internacional, dirixido a persoas que desexen adquirir as competencias, actitudes e habilidades necesarias para mellorar a eficacia directiva e a competitividade das organizacións, para crear e dirixir eficazmente novos proxectos empresariais e para levar a cabo actividades relacionadas coa xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade en calquera tipo de organización”, apunta Nuria Rodríguez.

O obxectivo desta iniciativa é formar persoal con coñecementos da realidade da contorna, con capacidade de liderado e coa cultura innovadora indispensables para participar en proxectos empresariais que acrecenten de forma verdadeiramente tanxible a capacidade innovadora da estrutura económica na que se insiren.