DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Daniel Rodrigo Vargas, técnico da ONUDI, achegouse ao campus para falar deste tema

As enerxías renovables mitigarán nun 60% os gases invernadoiros

No marco do Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/11/2011
Daniel Rodrigo Vargas, técnico da Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial ONUDI, achegouse este luns ao campus de Ourense para explicar o seu traballo en proxectos internacionais pero tamén para falar do que mellor sabe, as enerxías renovables e o cambio climático. Nun momento de crise como o actual no que se reclama un cambio cara un modelo de desenvolvemento sostible, este experto salienta o potencial das enerxías limpas para a economía española e para eliminar nun 60% os gases invernadoiros nas vindeiras décadas.

O técnico da ONUDI acudiu ao campus de Ourense para participar no Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social que organiza do 2 ao 10 de novembro a asociación universitaria e ambiental Syme e a Vicerreitoría do Campus de Ourense co obxectivo de conciencia á sociedade dos problemas ambientais e da necesidade de buscarlle solución. Susana Bayo, concelleira de Limpeza de Ourense, foi a encargada de presentar a súa intervención destacando a traxectoria profesional de Daniel Rodrigo Vargas e a importancia de afondar no uso das enerxías renovables “pois a saída á crise está asociada a un cambio enerxético”.

Potencial do sector e de España

Como consultor experto en enerxías renovables da ONUDI, Vargas acumula unha ampla experiencia na identificación e levantamento de proxectos de enerxía renovable en Latinoamérica, concretamente en áreas como a enerxía solar, a microhidráulica, a biomasa e o biogas. “O noso papel é traballar en coordinación cos gobernos locais neste eido e darlle asistencia técnica para a formulación de proxectos, acceso a financiamento de doantes internacionais e apoio no proceso de licitación”, explicou o relator aos asistentes á conferencia.

Sobre a importancia da enerxía limpa, Daniel Rodrigo Vargas salientou a súa contribución á eliminación dos gases invernadoiros, “pois o potencial estimado das renovables de mitigar os gases invernadoiros é dun 60% ata o ano 2030”. Contemplando os diferentes escenarios posibles, este experto quixo destacar o importante papel de España neste sector. Tendo en conta os últimos datos oficiais, apuntou que este país “é líder en exportación e explotación de renovables, estando no cuarto lugar en capacidade de enerxía instalada a nivel global e no segundo lugar en fotovoltaica e en crecemento anual de enerxía eólica”.

Grazas aos avances tecnolóxicos, ás necesidades dos países, tanto económicas como sociais, e á competitividade dos prezos, este experto anticipou que nas vindeiras décadas este sector continuará cobrando protagonismo no desenvolvemento e na loita contra o cambio climático e as súas consecuencias. Lonxe de ser unha moda pasaxeira polas necesidades do momento, Daniel Rodrigo Vargas advertiu que a aposta pola enerxía renovable é a aposta de futuro.