DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo da iniciativa é amosar as posibilidades que lles ofrece esta saída profesional

Enfermeiros militares comparten cos universitarios as súas experiencias

O acto tivo lugar na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 31/10/2011
En toda operación militar, sexa bélica ou humanitaria, alén dos propios militares hai un grupo de profesionais que xogan un papel fundamental. É o persoal de enfermaría. Para coñecer en que consiste o traballo dos enfermeiros militares, especialmente en misións no estranxeiro, a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense vén de celebrar unha xornada na que varios destes profesionais compartiron cos universitarios as súas experiencias. O obxectivo da iniciativa é que os futuros enfermeiros e enfermeiras valoren entre as súas saídas profesionais a da carreira dentro dalgúns dos exércitos.

A xornada contou coa participación de Estrella Portela, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense; Ramón Rey-Vich, subdelegado de Defensa; Juan José San Juan Carques, comandante-enfermeiro, e Pablo Astor Camino, capitán-enfermeiro. Entre o público déronse cita alumnado dos diferentes cursos da escola, pois aínda que inicialmente estaba deseñada para os estudantes de último curso dado o interese suscitado ampliouse o aforo. “Foi unha iniciativa pioneira, moi frutifera para todos e moi amena, grazas sobre todo aos relatores, Juan José San Juan Carques e Pablo Astor Camino, que explicaron con detalle o seu traballo e se amosaron en todo momento moi próximos”, salienta Estrella Portela.

Cada vez máis mulleres

Durante as súas intervencións Juan José San Juan Carques e Pablo Astor Camino explicaron en que consiste exactamente o traballo dun enfermeiro militar tendo en conta a súa experiencia persoal en hospitais militares, en buques do exército e en intervencións como a de Kosovo, na antiga Iugoslavia. Os relatores explicaron o tipo de instalacións e equipamento do que dispoñen nestes recintos e dispositivos, incidindo en aspectos como a telemedina.

O alumnado asistente tamén puido coñecer como acceder a este traballo a través das oposicións, como participa o enfermeiro da xerarquía militar, como cada vez hai máis mulleres enfermeiras militares, que tipo de remuneración teñen e outras cuestións de índole profesional. Alén destas cuestións técnicas, Juan José San Juan e Pablo Astor tamén salientaron a satisfacción do traballo en misións no estranxeiro e as relacións humanas que se establecen entre as persoas que traballan xuntas neste tipo de operacións.

“Algúns alumnos saíron das conferencias tendo claro que esta opción de enfermaría non é para eles e outros saíron moi interesados polas opcións de coñecer mundo que lles ofrece, pero todos amosáronse moi satisfeitos polo interesante que foi escoitar as experiencias e coñecementos destes profesionais”, destaca Estrella Portela.