DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores das universidades de North Caroline State e Bournemouth participaron no mestrado de Turis

Enxeñaría de emocións e investigación para satisfacer ao turista

Duarte Morais e Miguel Moital achegaron ao alumnado unha visión internacional dos avances neste eido

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/02/2012

Á hora de crear un produto turístico de calidade e de conseguir un visitante satisfeito son moitos os factores que inflúen e que se deben ter en conta. Entre eles destacan a investigación rigorosa e a aplicación da chamada enxeñaría das emocións. Duarte Morais, profesor da North Caroline State University de Estados Unidos, e Miguel Moital, da Bournemouth University de Reino Unido, foron os encargados de afondar nestas cuestións desde unha óptica internacional co alumnado do Máster de Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

“A calidade nos servizos turísticos é importante porque inflúe na experiencia do turista pero non é o único factor que o fai. O turismo é unha actividade socialmente densa e polo tanto a interacción con outras persoas é un factor crítico á hora de que o visitante avalíe a súa experiencia”, salienta Miguel Moital. Deste xeito, explica, alén da calidade técnica hai que considerar tamén a enxeñaría das emocións, como deseñar unha actividade turística para que a persoa sinta finalmente as sensacións de tranquilidade, pracer ou diversión que busca.

Para influír nas emocións do turista, o docente da Bournemouth University destaca que se poden manipular tres factores fundamentalmente, como son o ambiente que se respira no centro de turismo, a interacción do cliente co persoal do hotel, restaurante ou similar e a súa interacción cos demais visitantes. “En cada produto turístico hai diferentes elementos que se poden modificar para crear, para deseñar emocións no visitante. Estes elementos van desde a forma de coidar ao cliente ata a forma de vestirse dos turistas”, advirte Moital.

A importancia das fontes

Ademais da enxeñaría das emocións, os estudantes do mestrado de Turismo da Universidade de Vigo, dirixido por José Antonio Fraiz, puideron afondar no uso da investigación para mellorar o coñecemento neste sector e tomar decisións fundamentadas no saber. O profesor Duarte Morais explicoulles a importancia de “navegar na complexidade” do coñecemento que xa existe no ámbito do turismo e áreas afíns como a psicoloxía. “Os futuros profesionais do turismo teñen que ter o hábito e os recursos necesarios para identificar as fontes científicas e saber empregalas correctamente”, advirte o docente da North Caroline State University.

Coa visión que lle proporciona ser o cuarto ano que acode ao campus de Ourense a participar no mestrado, Morais salienta que o alumnado de Turismo ourensán ten un boa experiencia en investigación aplicada. A súa achega, salienta, é complementar esa parte co “desenvolvemento da capacidade de saber deseñar un estudo científico na súa área con rigor, por moi humilde que sexa”, destaca. Saber consultar as fontes de información, explica, será unha ferramenta moi importante á hora de que estes futuros profesionais poidan tomar decisións, xa que, advirte, moitas das dúbidas e problemas que lle xuridán xa foron investigadas noutro territorios e contextos.