DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o día 28 de xuño no campus

Enxeñaría Informática organiza unha xornada sobre as oportunidades de negocio que abre a transformación dixital

Afondará en aspectos como o posicionamento web ou a comunicación en redes sociais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/06/2018

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá o vindeiro 28 de xuño a celebración da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense (DIB´18). A cita, organizada polo centro e a empresa Contact Comunicacion, preséntase como “unha ocasión única para coñecer as claves do novo modelo económico e as oportunidades” que abre a transformación dixital da sociedade actual. 

A actividade, explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, pretende achegar a empresariado, ao potencial empresariado e ao alumnado de últimos cursos das titulacións do campus “unha realizada que se impón e que esixe unha transformación como é o negocio dixital”. “Os clientes xa non están diante do escaparate, están en calquera parte do mundo e hai que saber chegar a eles”, apuntou Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, sobre o obxectivo de DIB´18. Para acadalo, engadiu, a xornada quere “unificar” a visión sobre as oportunidades da transformación dixital tanto desde o sector empresarial como académico e compartila “co público máis próximo, o da nosa provincia”. A transformación dixital, subliñou Rodríguez Martínez, “é algo totalmente necesario para sobrevivir” e no caso da provincia, engadiu, un reto para algúns dos seus sectores máis destacados, como o agroalimentario ou o comercio. “Desde Ourense tamén se poden crear cousas”, advertiu. 

Visión xeral e parte práctica

A xornada, que nace con vocación de continuidade nos vindeiros anos, está deseñada pensando na súa utilidade non só para o alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática senón tamén doutras titulacións que se imparten no campus de Ourense, como poden ser Dereito ou Ciencias Empresariais e Turismo. “A xornada ten un carácter moi práctico, explicaranse conceptos e logo traballarase sobre eles en talleres de aforo moi limitado”, explicou Francisco Javier Rodríguez durante a rolda de prensa de presentación de DIB´18, que tivo lugar este luns na sede da Confederación Empresarial de Ourense. Así, detallou César González, de Contact Comunicacion, a xornada contará con dúas partes diferenciadas, unha máis xeral e outra máis aplicada, e coa participación de “persoas que teñen unha visión da realidade deste novo modelo de negocio”. 

A sesión de mañá da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense estará destinada a ofrecer unha perspectiva xeral enfocada a coñecer o novo modelo de negocio dixital, abordándose cuestións como a diferenza entre dixitalización e transformación dixital, o posicionamento en buscadores e a visibilidade web ou a comunicación e márketing en ecosistemas sociais. Tamén haberá unha mesa redonda sobre modelos de negocios dixitais con representantes de Imaxin Software, Raiola Networks e Menéame. Xa pola tarde desenvolveranse dúas sesións de carácter práctico, cada unha delas composta por grupos limitados a 20 persoas, unha centrada no posicionamento en buscadores e impartida por Fernando Muñoz, de Señor Muñoz, e outro sobre optimización de funcionamento para WordPress, con Álvaro Fontela, cofundador de Raiola Networks. As entradas para a xornada, tanto para a súa sesión da mañá como para as da tarde, xa están á venda ata esgotamento de prazas.