DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración da súa patroa, Santa Bárbara

Enxeñaría de Minas e da Enerxía estrea museo virtual da Colección de Minerais de Manuel de Sas

Exposta desde 2018 no vestíbulo da escola, inclúe máis de 200 exemplares “únicos e de gran beleza"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/11/2023

A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía aproveitou este mércores a celebración da súa patroa, Santa Bárbara, para presentar o museo virtual da Colección de Minerais de Manuel de Sas, unha exposición permanente de minerais instalada en 2018 no vestíbulo central da escola, cando fora cedida pola familia do doutor Manuel de Sas, socio fundador do hospital Povisa, centro médico onde a colección estivera exposta durante máis de 22 anos. Con arredor de 200 exemplares, algúns deles “únicos e de gran beleza natural, incribles cores, asombrosas texturas e formas sorprendentes”, a exposición pode agora visitarse, a golpe de click, desde calquera lugar do mundo.

“Levamos traballando dende o propio 2018 no catálogo e na virtualización da colección. Neles preséntanse fotografías dos mesmos minerais da colección, para que deste xeito os visitantes poidan identificar facilmente os exemplares da colección no catálogo e na web do museo”, explicou no acto de presentación o profesor Iago Pozo, integrante do grupo de innovación docente Xeoda, un equipo constituído por sete docentes -Iago Pozo, Natalia Caparrini, Teresa Rivas, Elena Alonso, Leandro Alejano, Bienvenido Díez e Ignacio Pérez- que foron os que se encargaron de converter en realidade este proxecto.

A través de códigos QR presentes nas vitrinas da colección as persoas visitantes poden acceder ás diferentes seccións do museo e, deste xeito, ter acceso directo á información recollida de cada mineral.  “Nestas páxinas, tanto do museo como do catálogo, poden aprender conceptos relacionados con mineraloxía, cristalografía, elementos críticos ou estratéxicos, minerais de Galicia, características físicas dos minerais, así como os usos e os procedementos mineralúrxicos empregados para a obtención do elemento químico de interese”, explica Pozo, quen puxo verbas ao desexo dos impulsores da iniciativa de que esta guía se transforme “nunha ferramenta de estudo que esperte vocacións e, sobre todo, que lle permita á xente que gusta da mineraloxía nas súas fases iniciais, satisfacer a súa curiosidade e adquirir novas inquedanzas que a leve a aprender cada día máis”.

Entrega de 12 premios: mellores expedientes, fotografías, relato...

Como é habitual, a celebración da patroa da escola foi tamén o momento elixido para recoñecer o labor das alumnas e alumnos cos mellores expedientes e as autoras e autores dos traballos galardoados nos diferentes concursos que convoca o centro ao longo do ano.

Os primeiros en recoller os seus premios foron as persoas gañadoras do Concurso de relatos curtos Contos para a Escola de Minas e Enerxía 2023. No caso da categoría de alumnado de bacherelato ou ciclo superior de Formación Profesional, o primeiro premio foi para Inés Combo, do IES La Salle de Santiago de Compostela polo relato titulado Luz mineral, e na categoría de alumnado de grao ou mestrado da Universidade de Vigo o primeiro premio recaeu en Julián Zubimendi, do Grao en Enxeñaría dos Recursos Minerais e Enerxéticos. 

No caso do certame de fotografía Enfoca.RME 2023 o primeiro premio foi para Javier Martínez Bravo por Paisaje de la industria del yeso II  e o 2º para Rubén Pereira por Rotopala III.

A entrega de galardóns aos mellores expedientes correu a cargo dos colexios oficiais. Os de acceso ao Máster Universitario en Enxeñaría de Minas, concedido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, COIMNE, foron para Amanda Franco e Xiana Ferrer, e o mellor expediente de acceso ao Grao en Enxeñaría da Enerxía para Martina Cárdenas e Richard García. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos de Minas e Enerxía de Galicia, entregou o premio aos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos a Samuel Fernández e Diego Mena.

A festa continúa ata o venres coa tradicional carreira

Ademais deste acto, ao longo da mañá a Delegación de Alumnado organizou unha venda de chocolate con churros na entrada da escola, así como unha charla que correu a cargo do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España.  A maiores, esta tarde, de 16.00 a 19.00 horas, o pavillón acollerá un torneo de tenis de mesa.

Mañá xoves será a festa organizada polo alumnado, de 12.00 a 18.00 horas, no aparcadoiro do edificio de Fundición, onde haberá diferentes sorteos, comida, refrescos e música que animará o evento. A programación pecharase o venres 1 de decembro cun torneo de fútbol de estudantado contra profesorado ás 10.00 horas e coa tradicional carreira solidaria de Santa Bárbara, ás 12.00 horas nas pistas deportivas do campus. Para inscribirse é preciso achegar 1kg de comida non perecedoira. Tras a carreira, haberá pinchos, música e sorteos.