DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convenio pioneiro entre Universidade de Vigo e CPETIG para o recoñecemento académico da laboral

Enxeñeiras e enxeñeiros informáticos por vocación... e empregabilidade

Diego Antón dubidaba se estudar na ESEI ou “facer Química, pero decidinme ao ver unha taxa de empreg

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 02/12/2014
Probas de acceso á universidade superadas, a nota na man e unha dúbida: que estudar? A vocación é determinante, pero nunha titulación como a da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense as estatísticas tamén poden dar un bo empurrón. Así lle pasou a Diego Antón, agora alumno de mestrado, que hai uns anos dubidaba entre estudar Química ou Informática “e decidinme comparando as taxas de empregabilidade. Non hai color”. É a mesma situación pola que pasaron a maior parte dos seus compañeiros, quen á vocación sumáronlle informes como o do Ministerio de Educación sobre carreiras universitarias e saídas laborais, no que esta titulación aparece como a de maior taxa de emprego de toda Galicia, ademais de ser a única Enxeñaría Informática deste ranking nacional. Unha mestura de estatísticas e vocación que provocaron que o ano pasado a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense fóra de vacacións de verán con todas as prazas cubertas.

Cunha taxa de empregabilidade de case o 92%, a maioría dos recentemente titulados atopan un posto de traballo en apenas 2,5 meses, aínda que a metade comezan a súa vida profesional en menos de 30 días e unha parte deles incluso antes de graduarse. E séntense preparados para enfrontarse a unha realidade laboral na que o 78% dos traballadores do seu sector son indefinidos, aínda que as condicións non lles convenzan demasiado. “Aquí aprendemos unhas bases para despois, ao chegar a unha empresa, poder desenvolver todas as nosas capacidades. Sen embargo, non é unha profesión que estea ben pagada. En España estase a cobrar salarios máis baixos que hai uns anos, moito máis baixos que no resto de Europa”, lamenta Antón, quen está a sopesar a vía do emprendemento como saída laboral, aínda que non descarta facer as maletas para exercer a profesión que máis lle gusta.

Os que non chegan a titularse

Para a directora da ESEI, Ana Garriga, é “unha gran satisfacción saber que os nosos titulados teñen unhas garantías de incorporación ao mercado laboral”, en parte como resultado “dunha docencia na que se coida moito a relación coas empresas e que busca ser práctica”. Algo que ratifica Enrique Barreiro, profesor da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos: “Nos estamos libres do pecado orixinal doutros plans de estudos e non temos materias moi específicas, pero teñen uns cimentos ben construídos para poder aplicar as nocións e fundamentos adquiridos a calquera tecnoloxía coa que vaian traballar”. Alumnado con iniciativa e gañas de aprender que tamén sorprende “pola cantidade deles que se lían a manta a cabeza e deciden emprender. E normalmente con éxito! É un orgullo poder recomendarlle a un empresario o traballo de calquera estudante ou egresado”, salienta Barreiro.

Igual de orgullo que conseguir destacar como a primeira Escola Superior de Enxeñaría Informática de España cando existen preto de 60 centros públicos e privados dedicados a esta titulación. E iso que, para a ESEI, os datos achegados dende os diferentes rankings non reflicten fielmente a realidade ao omitir unha variable importante: aqueles que non chegan a rematar os seus estudos porque xa se incorporaron ao mercado laboral. “Unha porcentaxe alta do noso alumnado non rematan a carreira ou deixan sen facer o proxecto final porque xa están traballando. E eles non contan”, recorda Arturo Méndez, secretario da Escola.

Convenio pioneiro

Nesa “vocación por mesturar o mundo universitario co profesional, coa realidade na que se vai mergullar o alumno”, como salientou o reitor Salustiano Mato, a Universidade de Vigo asinou co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) un convenio de colaboración para o recoñecemento académico da experiencia profesional que se poderá convalidar por créditos para as titulacións de informática. “Posibilita crear un mellor camiño para que os egresados teñan unhas perspectivas profesionais máis doadas se cabe”, recoñeceu Mato.

A Universidade de Vigo é a primeira das tres galegas e a segunda de España en aceptar estes certificados, tras a sinatura dun acordo coa Universitat Oberta de Catalunya o pasado mes de outubro. Santiago e A Coruña acollerán tamén nas vindeiras semanas este Certificado de Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais (CEPRAL) que “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter unha certificación da súa experiencia laboral en actividades propias da enxeñaría técnica informática para acreditar ante as empresas”, asegurou o presidente do CPETIG, Marcos Mata.

Estes certificados baséanse en perfís profesionais, dentro dos que agora hai habilitados e definidos 10 tipos, como administrador de bases de datos, xestor de proxectos ou administrador de redes, e xa se traballa para incluír novos perfís como desenvolvemento para dispositivos móbiles ou análise informático forense.

Como recordaba Francisco Javier Rodríguez, subdirector da ESEI, “supón unha nova ferramenta que nos permite valorar as competencias que traen os alumnos que xa teñen unha bagaxe”. Rodríguez aproveitou a sinatura do convenio para presentar tamén a certificación do sistema interno de calidade da Escola, “que valida os nosos procedementos e nos permite dar información pública aos cidadáns. Ademais, obríganos a analizar os datos cada tres meses e a buscar solucións e plans de mellora en caso de precisalo”.