DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro teses defendidas en BBAA afondan na historia e futuro desta técnica desde múltiples perspectiv

Da época dourada da industria da animación galega á súa eclosión como práctica artística

Sara Cueto estudou os cambios que supoñen as técnicas 3D e Fortunato Rodríguez a animación abstracta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 22/01/2016


Partindo de cero, a animación en Galicia logrou a pasada década converterse no “referente do sector na península", para logo vivir o peche das súas principais produtoras, segundo relata a investigadora María Crego na súa tese de doutoramento, na que afonda na orixe, evolución e perspectivas de futuro da animación audiovisual, un xénero que centrou catro das teses presentadas nas últimas semanas na Facultade de Belas Artes. Estudos como o realizado por Sara Cueto permitiron afondar nos cambios que está a supor o desenvolvemento da animación dixital en 3D, mentres que investigadores como Cristian Gradín, que este venres defendeu a súa tese, analizaron como a animación se ten instaurado nas últimas décadas como práctica artística, ao tempo que o profesor Fortunato Rodríguez trazaba na súa tese un percorrido histórico pola animación abstracta.

“A investigación sobre animación é un campo importante por aspectos como o cultural, dado que se transmite a través de medios como o cine, a televisión ou internet, ou como o tecnolóxico, que implicou drásticos cambios”, sostén nese senso o profesor José Chavete, director de tres destas teses e coordinador do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Os cambios nos métodos de produción, comercialización ou mesmo os “cambios estéticos” vinculados coa idea da imaxe en movemento, obrigan, engade, “a estar vixiantes en múltiples facetas, e esa vixilancia é pura investigación”.

 

 

A década na que Galicia foi referente

Como un “fito histórico”, apenas estudado, salienta María Crego o feito de que o sector da animación en Galicia lograse converterse na referencia no Estado na pasada década, na que, desde o ano 2001, no se que estrea El Bosque Animado, ata o 2008, “cando comezan a percibirse os primeiros síntomas da crise”, os proxectos de animación galegos acaparaban “os premios máis prestixiosos outorgados dentro do Estado”. A partires dunha serie de entrevistas cos e coas profeisonais do sector, Crego reconstrúe na súa tese La animación audiovisual en Galicia. Origen, evolución y perspectivas de futuro, dirixida por Chavete, a historia daquela “etapa dourada”, ao tempo que afonda nos inicios do cinema de animación en Galicia e nos proxectos xurdidos tras aqueles “anos de esplendor” e naqueles que actualmente se están a realizar nesta industria.

Na súa tese, esta investigadora desbota en Galicia “existira un sólido sector de animación audiovisual” e apunta que foi “o propio interese da Xunta de Galicia o que propiciou o seu despegue”, a través de subvencións e das medidas derivadas da “decisión de declarar o sector audiovisual como estratéxico e prioritario” a través dunha lei aprobada en 1999. E dentro do audiovisual, “o sector da animación beneficiouse dun proteccionismo maior, a partires do bo resultado obtido tras apostar polo proxecto de Dygra Films El Bosque animado”, película que resalta como o “punto de inflexión” para que “comezase a investirse en proxectos de animación e a crer que era posible xerar unha industria baseadas neles”.

Nese senso, Crego engade á crise económica e a esa “excesiva dependencia das subvencións” a falta de "infraestruturas, persoal cualificado ou capital privado”, así como de “boas canles de distribución” como os factores que, a finais da pasada década, levaron “ao peche das produtoras máis importantes da comunidade”. Ao mesmo tempo, a investigadora tamén se detén nas perspectivas de futuro do sector, que pasan “por investir en formación e saber adaptarse ás transformacións que estamos vivindo”, buscando “novas vías de financiamento, creación e distribución”.

 

 

 

 

O 3D é o futuro

O futuro da animación é o eixo da tese de Sara Cueto, centrada en afondar na “problemática de adaptación da linguaxe” que nos últimos tempos supuxo para esta industria que a animación tradicional estea a ser substituída pola animación dixital 3D. Dar resposta a preguntas como “se quedou obsoleta a linguaxe da animación tradicional” é un dos obxectivos centrais de Animación de personajes 3D. Los nuevos preceptos del timing. Transferencias estéticas desde la animación tradicional, a investigación que, baixo a dirección de Chavete, Cueto centrou no timing, o ritmo no que se desenvolven as accións neste xénero, “o factor máis importante da animación”.

Nese senso, afonda en como os programas de software permiten actualmente establecer ese timing “sen achega humana”, para defender nas súas conclusións que “a animación é unha disciplina artística en si mesma”, na que as novas tecnoloxías fan posible “unha liberdade para expresarse de forma nunca vista”, sen que iso implique a necesidade dunha nova linguaxe. “Esa linguaxe xa existe e, como toda lingua viva se mantén en constante evolución”, defende Cueto, quen entende a animación de personaxes en 3D como “o seguinte paso evolutivo da animación”, na que o timing, “se nutre do propio progreso de todas as técnicas tradicionais anteriores” ao tempo que continúa evolucionando a través das sinerxías que xorden “entre a arte e as novas tecnoloxías”.

 

 

 

 

A animación é arte

Fóra do ámbito industrial, a animación tense consolidado, ao longo das dúas últimas décadas, “como unha práctica artística máis dentro do circuíto da arte”, segundo destaca Cristian Gradín na súa tese Animación en el circuíto del arte. Prácticas y estrategias en el contexto de la expansión de los medios digitales, dirixida pola profesora Lola Dopico. “Actualmente son moitos os artistas que se valen de técnicas de animación para formalizar as súas obras, nalgúns casos con posicionamentos máis próximos á tradición narrativa do medio, pero tamén dunha forma híbrida, máis próxima a artes plásticas como o debuxo, a pintura ou a escultura”, sostén Gradín, quen defende estas prácticas “como unha variante máis da arte, favorecida pola democratización das tecnoloxías da imaxe que implica o dixital”.

Trátase tamén, explica, dun campo pouco estudado ata o de agora, “debido ao recente destas prácticas”. Por ese motivo, a súa investigación partiu da propia análise de catálogos e publicacións de exposicións, complementada cunha serie de entrevistas a 18 artistas, como Martha Colburn, Kota Ezawa, Nelo Vinuesa, Enrique Marty, a profesora e artista Marina Núñez ou os egresados da facultade Vicente Blanco e Antón Cabaleiro.

A partir desta análise, Gradín propón unha clasificación de exposicións de animación en base a tres perfís, “conceptual ou temático, formal e didáctico”, ao tempo que afonda nas diferentes estratexias da animación dixital, como o filtrado, o collage, a modularidade, a narración difusa e o estatismo, que “fan referencia aos modos de xerar a imaxe en movemento, a presenza ou non da narración e o estatismo", no que “algo tan importante para a animación como o movemento pode desaparecer practicamente”.

 

 

 

 

A historia das primeiras “películas abstractas”

Outro aspecto da historia desta técnica pouco estudado ata o de agora era o da animación abstracta, na que o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Fortunato Rodríguez centrou a súa tese de doutoramento, dirixida tamén por Chavete. “O movemento foi sempre unha necesidade na historia da arte”, sostén este investigador, que afonda en como a invención do cinematógrafo, “que coincidiu historicamente co desenvolvemento das vangardas pictóricas” a comezos do século XX, “proporcionou aos artistas a capacidade cinética que demandaban”. Así, un grupo de pintores vinculados ás vangardas, como Viking Eggeling, Hans Richter, Walter Ruttmann ou Oscar Fischinger realizaron, valéndose da animación, “as primeiras películas abstractas da historia”.

Nese senso, en Animación abstracta: Técnica y estética de una corriente cinematográfica ligada al arte conceptual y de vanguardia del siglo XX, Rodríguez propón un “percorrido histórico e conceptual” polo cine abstracto, estudando a súa “relación co cine de vangarda e experimental”, nunha tese que recupera “a un grupo de autores pouco referenciados ou esquecidos nos libros de cine e arte”. Autores cuxo traballo cualifica como “pintura en movemento”, xa que se trata dun tipo de animación realizado sen cámaras, na que “os artistas pintan directamente sobre o fotograma, convertendo o celuloide en soporte pictórico”. Nese senso, este docente lembra que, a pesares de que a pintura abstracta lograra no século XIX liberar a esta disciplina “do seu lastre figurativo, esta seguía atada á inmobilidade estrutural do lenzo”, para concluír que este tipo de animación abstracta “está máis relacionada coas artes plásticas que co cine, conceptual e tecnicamente”.