DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As ourensás empataron a partidos co primeiro clasificado pero perderon a puntos positivos

O equipo de baloncesto feminino proclámase subcampión de liga

O conxunto masculino rematou a competición nun onceavo posto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/05/2012
Esta fin de semana remataron as competicións de baloncesto e fixérono cun sabor agridoce para os equipos do campus de Ourense. O conxunto feminino acadou un destacado segundo posto na 1ª División Autonómica Feminina que lle soubo a pouco. Despois dunha dura loita polo liderado partido tras partido, as ourensás conseguiron empatar no último encontro co líder pero a diferenza de puntos deu finalmente a vitoria ao Arxil Mafari Café. Pola súa banda, o Universitario Campus de Ourense masculino rematou tamén a competición, obtendo un onceavo posto na 1ª División Sénior.

As xogadoras que adestra Roberto Rapela disputaron o sábado o seu último encontro da liga 2011/2012 e fixérono contra o Compañía de María. Acadaron unha vitoria, a cuarta consecutiva, cun marcador final de 46-64 puntos. Con este resultado o Universitario Campus de Ourense de baloncesto feminino conseguiu empatar co Arxil Mafari Café no primeiro posto da liga, con 24 partidos xogados, 18 vitorias e 6 derrotas. Nesta situación, a diferenza de puntos positivos foi a que determinou o equipo gañador, que foi o Arxil Mafari Café con 1.565 fronte aos 1.523 das ourensás.

A polo ascenso

“Foi unha liga moi boa, polo resultado obtido pero tamén polo xogo das rapazas, que mellorou moito a pesar de ser un equipo novo, formado maioritariamente por universitarias de primeiro curso”, explica Roberto Rapela. Segundo salienta o adestrador, as derrotas sufridas ao comezo da liga, no mes de outubro, foron o lastre que impediu finalmente ser líderes do campionato. En todo caso, apunta Rapela, o segundo posto obtido amosa unha excelente evolución ascendente do equipo universitario despois de acadar na liga pasada un cuarto posto.

Como segundos clasificados, o conxunto do campus de Ourense agarda agora coñecer o calendario para xogar a finais desta semana en Cantabria a fase de ascenso para competir o vindeiro curso na 1ª División Nacional de baloncesto feminino. Un reto que as xogadoras e o equipo técnico afrontan con ilusión e como un recoñecemento a todo o esforzo realizado esta tempada.

Pola súa banda, o Universitario Campus Ourense masculino rematou cunha derrota fronte ao CB Sarria a súa participación esta tempada na 1ª División Sénior. Os xogadores que adestra Javi Pérez perderon 43-53 no que foi a súa quinta derrota consecutiva e remataron a liga situados no onceavo posto. As lesións padecidas al longo do ano e o feito de xogar por primeira vez nesta categoría despois de ascender a tempada pasada, fixeron que os xogadores ourensáns viviran esta liga dun xeito moi irregular.

Derradeiro partido dos infantís

En rugby e despois de que o primeiro xa rematase a competición, esta fin de semana a categoría infantil do Campus Ourense Rugby deu tamén por finalizada a tempada. Os ourensáns viaxaron a Pontevedra para enfrontarse co conxunto local do PRC e perderon 25-15 puntos. Este resultado confirmou o seu cuarto lugar na clasificación final da liga, unha liga na que o equipo técnico do Club Ourense Rugby salienta que os infantís ourensáns fixeron un moi bo papel, mellorando en cada encontro o seu xogo e a súa solidez como grupo.