DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores que adestra Yayo de la Fuente clasificáronse tras gañar ao Universidade de Vigo

O equipo cadete de rugby xogará a final da Copa da Xunta

O encontro disputarase o día 4 de xuño

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 23/05/2011
O traballo dos equipos de rugby do campus de Ourense segue dando os seus froitos. Despois dunha excelente tempada na que o Campus de Ourense Rugby acadou a Liga Galega, os cadetes ourensáns clasificáronse este domingo para xogar a final da Copa da Xunta da súa categoría. O equipo que adestra Yayo de la Fuente conseguiu gañar nas semifinais ao Universidade de Vigo cun resultado final de 57-12 que lles permitirá xogar por primeira vez a final deste campionato. Será o vindeiro 4 de xuño.

Segundo explica o adestrador “foi un partido táctico e de grupo moi bo, os xogadores fixeron un gran traballo ao longo de todo o encontro. A nosa clara vitoria ante un equipo moi mermado como o da Universidade de Vigo evitou posibles lesións e poderemos presentarnos ao completo para disputar a final”. Dentro deste xogo en equipo, durante o partido destacaron as actuacións de Ángel, Borja, Jhon, Yago, Gustavo, Cristian, Grisales, Jorge, Moisés, Edu, Andzhel, Rebeca e Víctor.

“É un gran logo para o equipo que no seu primeiro ano de competición sexa capaz de alcanzar a final. Ao principio da liga marcámonos como obxectivo achegarnos ás semifinais e conseguir finalmente entrar na final é para nós un motivo de gran alegría”. O equipo está á espera de saber quen será o seu contrincante na final da Copa da Xunta o vindeiro 4 de xuño a final. En todo caso, salienta o adestrador, “pase o que pase na final, para nós xa é un éxito chegar ata aquí”.