DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está segundo na súa liga empatado a partidos co La Salle

O equipo feminino de baloncesto toma posicións na loita polo liderado

As xogadoras ourensás conseguiron esta fin de semana a súa oitava vitoria consecutiva

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 30/01/2012
O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino está a realizar unha tempada excelente na 1ª División Autonómica Feminina e o seu bo xogo estase vendo recompensando en cada xornada de competición. Esta fin de semana as xogadoras ourensás acadaron a súa oitava vitoria consecutiva, unha vitoria que lles permite manterse nun segundo posto igualadas a partidos gañados e perdidos co equipo líder da súa liga nestes intres, o La Salle. Os resultados do equipo feminino contrastan coa mala racha do Universitario Campus Ourense de baloncesto masculino, que tras tres derrotas seguidas está noveno da súa clasificación.

As xogadoras adrestradas por Roberto Rapela enfrontáronse este domingo ao Arxil Mafari Café nun disputado encontro. Os dous equipos, xunto ao La Salle, están nos postos de cabeza e as diferenzas entre eles son mínimas, variando o posto de líder dunha xornada a outra e dun equipo a outro en función dos puntos anotados e xa non dos partidos gañados ou perdidos. O Universitario Campus Ourense conseguiu unha axustada vitoria, a oitava consecutiva, de 64-60 puntos que sitúa ao equipo ourensán no segundo posto, empatado a 10 vitorias e 3 derrotas co primeiro clasificado, o La Salle, e cunha vintoria por riba do Arxil Mafari Café. Haberá que agardar á vindeira xornada, onde o equipo do campus xogará contra o CB San Pelayo Deportes Caneda, para ver se as xogadoras ourensás dan finalmente o salto ao liderato da liga.

O contrapunto da xornada foron os malos resultados dos equipos de baloncesto masculinos do campus. O primeiro equipo sufriu unha clara derrota, a terceira consecutiva, contra o Estudiantes Lugo Leyma Natura de 74-40 puntos que os coloca novenos na primeira división sénior masculina da Liga da Federación Galega de Baloncesto. A mesma sorte tiveron os xogadores júnior do club, pois o Campus Ourense Blanco Amor perdeu 43-94 contra o Marin Peixegalego no que é tamén a súa tamén terceira derrota consecutiva.

Aspiracións e solidariedade en rugby

Esta fin de semana tamén se celebrou competición de rugby e igualmente con resultados contrapostos. O primeiro equipo universitario conseguiu unha importante vitoria fronte a Santiago RC cun resultado final de 12-29. Con esta vitoria o Campus Ourense Rugby continúa na cuarta praza da clasificación con opcións aínda de meterse nos postos de promoción e ascenso. Pola contra, o equipo cadete caeu 20-51 ante o Vigo.

Tamén en rugby aínda que fóra de competición, o vindeiro 20 de febreiro a Asociación Xuvenil Amencer organizará coa colaboración do Campus Ourense Rugby un torneo de Rugby 7 nas instalación do Colexio Salesianos. A iniciativa contará con categorías base, absoluta e feminina e está aberta a todas as persoas que se animen a participar, cun custe por xogador de 1 euro.