DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Súmase así ao equipo masculino A que tamén xogará na máxima categoría galega

O equipo feminino de tenis ascende a División de Ouro

Venceron ao Deportivo D10 de Lugo por 3 a 1

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 18/06/2018

O equipo feminino de tenis da Universidade de Vigo xogará o próximo ano en División de Ouro, a máxima categoría do tenis galego e farao tras vencer esta fin de semana ao Deportivo D10 de Lugo por 3 a 1 nos individuais e despois de caer nas semifinais ante o Ureca e loitar pola segunda praza do ascenso.

Detrás deste novo éxito do deporte feminino universitario atópanse as xogadoras Adriana López, Marta Saburido, María Casares e Lucía Estévez. As primeiras en xogar foron, precisamente, Casares e Estévez, conseguindo esta última gañar por 62-64, mentres Casares caiu por 76-61, o que deixaba a eliminatoria en empate. Despois, chegou a quenda de Marta Saburido, que gañou por un dobre 62, e de Adriana López, que deu o toque final cun resultado de 62 a 63. “Así, o equipo feminino, volta un ano máis á División de Ouro”, explica Jorge Comesaña, responsable do equipo.

Con este partido do equipo feminino remata o Campionato Galego Absoluto por equipos deste ano, “unha tempada na que hai que destacar o papel xogado polo equipo feminino e o masculino A tras acadar sendos compoñentes o ascenso á máxima división do tenis galego, así como salientar tamén o bo resultado do equipo masculino B tras lograr a permanencia na primeira división”, explicou Comesaña, que aproveitou tamén para dar os seus parabéns a todas e todos os integrantes do equipo.