DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Volvendo así a situarse entre os doce mellores equipos galegos

O equipo masculino de Tenis ascende a División de Ouro

Os universitarios conseguiron imporse ao Tenis Rial por un contundente 5-2

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 28/05/2018

O equipo masculino de Tenis acadaou esta fin de semana o ascenso a División de Ouro, volvendo así á máxima categoría do tenis galego por terceira vez na súa historia e situándose entre as doces mellores formacións masculinas de toda Galicia. O ascenso prodúcese tras unha contundente vitoria por 5-2 fronte ao Tenis Rial, formación que o ano pasado baixou da División de Ouro a de Prata, e tras unha tempada cualificada polos xogadores como moi positiva.

Integrado na actualidade por Pablo León, Alfonso Santos, Alejandro Viga, Jorge Comesaña, Antón Díaz, Yago González e Lois A. González, o equipo A contou tamén coa colaboración de varios integrantes do segundo equipo, destacando a participación de Santiago Jorge, Alexandre Covelo, Ignacio Lago e Jaime Zapatero.

No partido deste sábado contouse coa participación de Pablo León (nº-1), Jorge Comesaña (nº-2), Jaime Zapatero (nº-3) –pertencente ao equipo B- e Yago (nº-4) e Lois A. González (nº5). As cousas non arrancaron ben para o equipo vigués, xa que soamente logrou gañar o encontro de Yago González, pero xa na segunda quenda, coa entrada de Jorge Comesaña e Pablo León, que solventaron sen problema os seus encontros, o equipo vigués púxose 3-2 a favor. Desta forma os vigueses decidiron “ir a por todas” nos dobres, con Pablo León e Yago González, no primeiro encontro, e Jorge Comesaña e Lois A. González, no segundo. “Finalmente conseguimos gañar ambos partidos, o que provocou un resultado final de 5 partidos a 2, dándonos así o pase a semifinais e o ascenso a División de Ouro”, explicou o coordinador do equipo, Jorge Comesaña.

O equipo B, máis preto da permanencia

Á alegría polo ascenso do equipo A sumouse tamén a satisfacción porque o equipo B foi quen de pasar o primeiro escollo para lograr a permanencia, gañando ao Tenis Lalín cun resultado de 4-1 nos individuais, aínda que a tarefa non foi sinxela, xa que dos catro partidos que se gañaron a nivel individual, tres deles conseguíronse no terceiro set. “Soamente se perdeu o partido nº1, disputado por José Manuel Vilas, que non puido facer nada ante o seu rival”, apuntou Comesaña, ao tempo que informou do resto de xogadores do equipo universitario vigués: Manuel Colmeiro, co nº2; Santiago Jorge, co nº3; Alexandre Covelo, co nº4 e Ignacio Lago, co nº5.

A vindeira fin de semana será o equipo feminino o que loite polo ascenso

A seguinte xornada disputarase a vindeira fin de semana e será especialmente importante para o equipo feminino, xa que serán elas quen se disputen nesta ocasión o ascenso á División de Ouro fronte ao equipo que gañe o encontro entre o CCD Sanxenxo e o Salceda de Caselas. No caso do equipo masculino A desputará as semifinais contra o Tenis Coruña B, equipo que nos últimos anos se ten proclamado campión desta categoría, e o equipo B medirase fronte ao Tenis Pontevedra B.