DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Begoña Crespo e Brais Piñeiro acadaron sendos primeiros postos

O equipo de Orientación consegue dous ouros no campionato de España

A cita reuniu no concello leonés de La Robla 1400 participantes de todo o territorio nacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 03/04/2018

“Tremendamente satisfeitos e moi, moi contentos”. Así se amosaron á súa chegada a Vigo as corredoras e corredores do equipo de Orientación da Universidade de Vigo tras participar no campionato de España celebrado esta fin de semana no concello leonés de La Robla e no que os vigueses Begoña Crespo e Brais Piñeiro conseguiron sendas medallas de ouro, un resultado nunca antes acadado polo equipo vigués nunha cita destas características.

Campioa de España en relevos por comunidades, Begoña Crespo, ligada ao equipo universitario vigués desde os seus inicios, conseguiu tamén outros dous cuartos postos na categoría F-50: un en distancia media e outro en sprint. No caso de Brais Piñeiro foi o primeiro clasificado en sprint o que o converte en campión de España na categoría M-21A. “Son uns resultados excelentes, pois é a primeira vez que volvemos do campionato nacional con dúas medallas de ouro”, explica José Luis Armada, coordinador do conxunto de Orientación, quen lembra que xa o ano pasado, cando o campionato se celebrara nos municipios madrileños de Miraflores de la Sierra e Canencia, o equipo xa conseguira un ouro, conseguido neste caso por Ana Iglesias, e dúas pratas, unha tamén por Iglesias e a outra por Begoña Crespo.

Participaron nesta cita, organizada polo club leonés Alcon en colaboración cos asturianos Nordeste e Astur-Extre, máis de 1400 deportistas de todo o territorio nacional, entre todos eles 12 compoñentes do equipo da Universidade de Vigo. “O feito de desprazarnos 12 persoas ata León xa foi para nós moi satisfactorio, pois normalmente non acostumamos desprazarnos máis de oito integrantes do equipo”, recalca Armada, quen agarda que os bos resultados acadados estes dous últimos anos animen a máis integrantes do equipo a desprazarse ao campionato nacional, cita que en 2019 se celebrará na localidade asturiana de LLanes.

Os relevos clásicos celebráronse na mañá do sábado 31, se ben houbo que retrasar o inicio das probas dúas horas a causa da forte nevada nocturna que ocasionou problemas á hora de aparcar, e todos os equipos, tanto masculinos como femininos, estaban compostos por tres orientadores. A proba de sprint celebrouse xa o domingo pola mañá.

Próxima cita o 14 de abril en Porto do Son

Á marxe dos resultados acadados, para o equipo de Orientación da Universidade de Vigo, composto na actualidade por 35 corredoras e corredores, esta cita supuxo tamén unha excelente oportunidade “para establecer contactos e compartir experiencias con moita xente doutros clubs de toda España, algo que para nós non é un tema menor”, subliñou o coordinador do equipo, quen adiantou que a próxima cita do equipo será o vindeiro sábado 14 de abril en Porto do Son, na 4ª proba da liga galega. “Pola mañá haberá unha proba de distancia media e, xa pola tarde, un sprint urbano”, salientou o coordinador.

Preparando xa o XVII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

Ademais destes torneos, o equipo de Orientación atópase xa metido de cheo na organización do que será o XVII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación (correspondente coa 27 Liga Galega de Orientación) que este ano levará por apelido Trofeo Vila de Cangas, xa que se empregará o plano de Barra. “Agardamos reunir un gran número de participantes, en pleno mes de xuño e nunha paisaxe tan idílica como a que ofrecen as praias do concello de Cangas”, recalcou Armada.