DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os taekwondistas acadaron tres ouros, dúas pratas e tres bronces

O equipo de taekwondo da UVigo proclámase campión de España universitario por oitava vez 

As representantes femininas viguesas foron as que máis veces subiron ao podio na competición 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/03/2023

O equipo de taekwondo da Universidade de Vigo proclamouse esta fin de semana en Burgos campión de España universitario, un título que o conxunto que adestran Erea Andrade e Salvador Fontán revalidou por oitava vez. “A valoración é magnífica. O comportamento do equipo foi impresionante. Botaban o pavillón abaixo animando. Xa no bus de ida ían súper motivados e eu xa tiña sensacións de que este ano ía ser marabillo e logo no tapiz moi ben”, explica Erea Andrade sobre o equipo formado por nove mulleres e cinco homes, que logo da prata acadada o ano pasado en Murcia, este ano conseguiu 3 medallas de ouro, 2 de prata e 3 bronces e o campionato de España. “A min gústanme moitos deportistas, pero admiro a poucos e un dos meus favoritos é Nadal, porque cada vez que gaña é como se fose a primeira. Pois nós igual, e van oito e o ano que vén queremos gañar a novena”, asegura Salvador Fontán, que destaca o espírito competitivo do equipo, que “sae sempre a dalo todo”.

O equipo da UVigo, integrado por estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo, obtivo o primeiro posto no CEU grazas ao ouro da parella de poomsae mixta, formada por Celia García e Manu Paz; aos ouros de Adrián Pan en -74kg e Desirée Rivadulla +73 kg; ás pratas de Sara Cortegoso en -46kg e Lois Tomás en -63kg e aos bronces de Miryam García en -62kg, María González en -49kg e Uxía Ortega en -57kg. Pola súa banda, as deportistas da UVigo foron as que, de todos os equipos que participaron no Campionato de España celebrado esta fin de semana en Burgos, máis veces subiron ao podio. Ademais, sumadas as medallas de ouro por equipos obtidas nos anos 2006, 2007, 2008, 2011, 2012, 2013, 2016 e 2023; as pratas nos anos 1997, 2002, 2005, 2009, 2010, 2014, 2015 e 2022; e o bronce de 2017, fan da UVigo o equipo máis laureado nesta modalidade deportiva, así como a nivel individual, con máis de 100 medallas obtidas.

Darío Dacosta, Noah Pena, Laura Lago, Gabriel García, Aitana Fariña e Lois Tomás, todos estudantes dos graos de Fisioterapia, Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual, Fisioterapia e Educación Primaria, no campus de Pontevedra, completaban o equipo de taekwondo da UVigo que participou no CEU.

As mulleres foron a alma do equipo

As actuacións dentro e fóra do tapiz en Burgos das nove deportistas da UVigo, algunhas delas medallistas internacionais e nacionais como Sara Cortegoso, estudantes da Escola Universitaria de Enfermaría, Desirée Rivadulla e Miryam García, alumnas da Facultade de Fisioterapia, foi, segundo Erea Andrade determinante para que o equipo acadase o éxito conseguido esta pasada fin de semana. “As mulleres foron a alma do equipo. Elas deron o empurrón para saír e animar e entón o resto apoiouse nelas. Foron as que tiraron do carro, todas unidas …”, sinala a adestradora do equipo de taekwondo da UVigo, co que hai anos competiu e ao que agora adestra, xunto da Salvador Fontán. 

Precisamente coa perspectiva que dá ser, primeiro deportista e posteriormente adestradora, Erea Andrade reivindica o papel das mulleres taekwondistas da Universidade de Vigo. “A UVigo en mulleres sempre arrasamos. Eu son unha das poucas adestradoras de taekwondo, aínda que universitaria hai algunha máis. Primeiro fun destacada na universidade como deportista e logo quixeron contar comigo como adestradora”, lembra Erea Adrade, que pon en valor o trato que sempre recibiu por parte dunha institucións na que “non te miran polo sexo, senón por capacidade. Para min isto é a igualdade”, afirma. 

Un equipo universitario formado por compañeiros e rivais durante o resto do ano

Aínda que a Universidade de Vigo carece de equipo propio de taekwondo, senón que este se configura para participar no Campionato de España Universitario, Fontán e Andrade destacan a capacidade das e dos seus integrantes para interiorizar a súa pertenza ao conxunto que representa á institución académica viguesa. “Aquí coñecémonos todos porque Galicia sempre está no podio desde hai máis de 20 anos e por iso coincidimos como compañeiros ou rivais ao longo do ano. O que procuramos é que cambien o chip: ‘non pelexas polo teu club, por Galicia ou por España, senón que pelexas pola UVigo’. Eles e elas entenden ese concepto de equipo e encántalles”, explica Salvador Fontán. 

O adestrador e Erea Adrade tamén destacan neste sentido o traballo que realiza o técnico de actividades deportivas da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alexandre Sanjorge, así como o resto de persoal deste servizo, á hora de facilitarlle o día a día en cuestións académicas ou loxísticas aos e ás deportistas que integran o equipo de taekwondo do UVigo. “El e nós entendémonos moi ben e cada un achega unha cousa. É a combinación perfecta e todos vemos polos rapaces que se senten cómodos e apoiados e logo responden”, sinala a adestradora.