DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Asociación CUCO renóvase dando entrada como membros a ex estudantes dos diferentes centros

Se es un antigo alumno do campus...

O obxectivo da iniciativa é axudar a valorizar todos os activos cos que pode contar a institución ac

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/07/2013

Despois de catro anos funcionando, o Comité Universitario do Campus de Ourense, tamén chamado Asociación CUCO, vén de renovar a súa estrutura e funcións. Se ata o de agora era unha entidade formada por alumnado universitario de calquera dos centros ourensáns a partir deste curso pasará a acoller tamén a ex estudantes. “A nosa intención é que os antigos alumnos e alumnas sexan un activo e un valor desta Universidade, algo que se fomenta moito no ensino privado pero non no público”, destaca Jonathan Domínguez, presidente de CUCO.

Con este obxectivo e desde o mes de xaneiro, a asociación traballou na modificación da súa estrutura e dos seus estatutos. “A nosa intención é ser unha canle de comunicación bidireccional entre a Universidade e os seus ex estudantes. Trátase de que as escolas e facultades saiban onde están os seus ex alumnos e poidan contar con eles cando xurdan oportunidades. Tamén queremos conseguir que eses egresados teñan beneficios á hora de usar os servizos do campus e que se impliquen máis nas súas actividades”, comenta o presidente do Comité Universitario. Os que no seu día foron universitarios do campus, apunta, son agora avogados, directivos en empresas, educadores, historiadores, enxeñeiros e científicos que poden seguir achegando cousas á institución académica.

Implicación nas actividades

“Decidimos optar por esta renovación de CUCO porque a entidade xa estaba consolidada na súa actividade e conta cunha boa imaxe. Á xente cústalle moito comprometerse coas asociacións universitarias e en vez de crear unha nova entidade para dar cabida aos antigos alumnos decidimos ampliar a asociación que xa tiñamos”, comenta Jonathan Domínguez. Foi, explica, un paso importante e difícil, posto que se tivo que conxeniar dous sectores e varias facultades, “pero creemos que é positivo porque intentamos volver a unir a rotura que se produce entre un alumno que remata os seus estudos e outro que os comeza”.

A eses antigos alumnos e alumnas do campus, a asociación quere transmitirlles a súa esencia de non depender de ningún partido ou organización política e o seu compromiso de defensa do campus de Ourense e dos dereitos dos estudantes, aos que agora se lle sumarán os dos ex estudantes. “Cada ano nos implicamos en máis actividades e colaboramos en numerosas iniciativas deste campus, como as xornadas sobre sociedade e dereito ou as de mediación que terán lugar no mes de outubro”, subliña o presidente de CUCO. Co inicio do novo curso 2013/2014, a asociación comezará a campaña de difusión entre os antigos estudantes do campus para informarlles dos beneficios de converterse en membros da asociación. Como requisito para asociarse teñen que ter sido estudantes do campus de Ourense durante un tempo mínimo de dous anos.