DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No edificio Redeiras entre as 10.00 h e as 14.00 h previa inscrición

A Escola Aberta de Formación Permanente presenta este xoves os títulos propios do Campus Aberto para o próximo curso

Ademais dos coordinadores tamén participarán ex-estudantes e representantes de empresas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 13/06/2023

Coa vista posta xa no comezo do próximo curso 2023/2024, a Escola Aberta de Formación Permanente presentará este xoves no edificio Redeiras parte dos cursos que se ofertarán no primeiro cuadrimestre. E farao nunha xornada aberta ao público na que, ademais das persoas responsables das titulacións, participarán tamén ex-estudantes destes cursos e empresas de diferentes sectores.

Baixo o título Teño un título universitario, e agora que fago? Sigo formándome ou busco Emprego? o obxectivo deste evento é dar a coñecer á sociedade o Campus Aberto, onde se aglutinan as ensinanzas propias da Universidade de Vigo que complementan os estudos oficiais a través de programa que favorecen a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras.

A xornada estenderase entre as 10.00 horas e as 14.00 horas e está especialmente dirixida a alumnado dos últimos anos ou recentemente titulado que se atope nos seus primeiros anos de actividade laboral e que queira reciclar ou ampliar os seus coñecementos. Nesta cita poderán coñecer a oferta de titulacións da man dalgúns dos seus coordinadores e coordinadoras, ao tempo que tamén poderán escoitar a ex-estudantes dalgúns destes cursos contar as súas experiencias. Tamén haberá un oco para as empresas, que achegarán o seu punto de vista e falarán das súas inquedanzas na procura de persoal e de como a reciclaxe ou especialización son sempre ben acollidas. Deste xeito, explican dende a EAFP, trátase de “ofrecer ás persoas participantes unha aproximación sobre como crear unha folla de ruta para planificar o seu futuro profesional e, por outro, crear uns espazos de conversas nas que se poidan escoitar a profesionais e antigo alumnado das titulacións”. Entre as empresas que participarán están a editorial Catro Ventos, a empresa Telespazzio Ibérica, BorgWarner, Faurecia, etc. 

Programa da xornada

A xornada arrancará coa presentación da Escola Aberta de Formación Permanente da man da súa directora, María José Moure e, de seguido intervirá Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento, que ofrecerá unha sesión titulada Da invención á reinvención, coa que se dará paso á presentación das titulacións. A primeira será o Máster en Auditoría e Contabilidade, da man de Ricardo Diéguez Ferreiro, o seu director; Concepción Vilaboa Martínez, socia Auditoría y Assurance Auren e Esteban Antela Couselo, ex-alumno. A continuación será a quenda do Título de especialista en Edición. A cadea do libro, que será presentado por Ana Luna, directora do curso e Patricia Buján, da Editorial Catro Ventos. Tamén se amosará unha ollada tradutiva á industria máis grande da actualidade a través do Título de especialista en Tradución para a industria do videoxogo, que presentarán Ramón Méndez González e Óscar Ferrreiro Vázquez, coordinadores e docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución e Celia Rocha, profesional autónoma e ex-alumna. O seguinte título será o Máster dual en Información Xeoespacial, sobre o que falarán Lucía Díaz Vilariño, docente da Escola de Enxeñería Industrial e membro da comisión académica; Joaquín Martínez Sánchez, docente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e membro da comisión académica e Luis Miguel González de Santos, de Telespazzio Ibérica, que farán fincapé na importancia de combinar formación e experiencia laboral.

Tamén se presentará na xornada unha nova edición do Icemar, o Título de especialista en Innovación, Competitividade e Emprendemento, da man de Ángeles Pariente, profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e Maruxa Álvarez, profesora da Facultade de Ciencias e directora académica. O derradeiro curso que se exporá será o Título de especialista en Electrónica para Componentes da Automoción, da man de Ana Varel Solla, HRBP Engineering&Global Functions en Borwarner; Pablo Gándara Quintas, responsable de Fiabilidade e Ensaios para os HV Coolant Heaters en Borgwaner e ex-alumno e Iago Hernández González, SQA/enxeñeiro de aseguramento da calidade Proveedores en Faurecia e ex-alumno.

A xornada concluirá cunha serie de conversas nas que participarán os equipos coordinadores, colaboradores e ex-alumnos.

A participación é de balde previa inscrición nesta ligazón.