DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan medio cento de estudantes de oito institutos de ensino medio de Vigo e contorna

A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía volve ser sede da Olimpíada Galega de Xeoloxía

O centro organizou para eles diferentes talleres e actividades guiadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/02/2022

Medio cento de estudantes de oito institutos de ensino medio de Vigo e contorna están a participar este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía na fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía.  Recibiunos a directora da escola, Elena Alonso, quen, ademais de darlles  a benvida, os animou a orientar os seus estudos cara a titulacións universitarias relacionadas coa Xeoloxía. Nesta liña, explicoulles que dende a escola se prepararon para elas e eles toda unha serie de talleres e obradoiros prácticos que xiran arredor da materia que máis os apaixona: a xeoloxía e, en xeral, as Ciencias da Terra.

Procedentes dos institutos de ensino secundario A Paralaia, de Moaña; Ribeira do Louro, de Porriño; Primeiro de Marzo de Baiona; San Paio, de Tui, e os vigueses Casares, Beade e Teis, ao longo do día as alumnas e alumnos enfrontaranse a un exame teórico e a unha proba práctica por equipos, unha xincana xeolóxica.  Ademais, en paralelo á realización destas probas, a escola deseñou  toda unha serie de talleres e actividades didácticas sobre diferentes ámbitos nos que, ademais de divertirse, poderán comprobar de xeito directo que o coñecemento da Xeoloxía é un recurso necesario para levar a cabo infinidade de actividades. Impartidos por persoal docente vinculado á escola organizáronse para eles catro talleres: O fantástico mundo da xeotecnia, impartido polo investigador do grupo de Xestión segura e Sostible dos Recursos Minerais Manuel Alejandro González; Paleontoloxía 3D, a cargo dos investigadores Artai Santos e Iván Rodríguez, do grupo de Análise de Concas Sedimentarias; Intelixencia artificial aplicada á utilización sostible de recursos minerais, a cargo de Raquel Pérez e Jesús Rico, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética; e,  Termografía infravermella: visión infrarrovermella, unha nova forma de contemplar o mundo, do que se encargarán os investigadores do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas Iván Garrido, Daniel Lamas e Pablo del Río.

En quenda de tarde e divididos en catro grupos, todos os estudantes terán a oportunidade de participar en todos os obradoiros e poder facerse así unha idea da importancia da Xeoloxía para a preservación do medio natural, a xestión racional dos recursos ou a adopción de medidas ante impactos e riscos xeolóxicos.

A final nacional será en Almería o 26 de marzo

A xornada durará ata as 18.00 horas e será entón cando se darán a coñecer o nome das persoas gañadoras e se entregarán os premios e diplomas de participación. En total participan nas probas 200 estudantes de toda Galicia e, entre todos eles, elixiranse as alumnas e alumnos que acudirán o vindeiro 26 de marzo a Almería para disputar a olimpíada nacional, convocada un ano máis polo Colegio de Geólogos, a Sociedad Geológica Española e a AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra). De aí sairá a selección que competirá na fase internacional a finais do verán.