DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor clausurou as II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

A Escola de Enxeñería Industrial perfila o seu futuro en verde

A investigación en enerxía renovable situará o centro como pivote do futuro Vigo Tecnolóxico

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 27/10/2011
Calculaban os expertos hai tres anos que o mercado laboral precisaría a partir do 2010 arredor de 100.000 expertos en enerxías renovables. Esta enorme porta que se abre, sobre todo para os enxeñeiros, non pasou desapercibida para a Universidade de Vigo que puxo en marcha nos últimos anos títulos como os graos en Ciencias Ambientais e Enxeñaría da Enerxía e mestrados en Enerxía e Sustentabilidade, Tecnoloxía Medioambiental e Xestión do Desenvolvemento Sustentable. O alumnado, consciente das enormes posibilidades de futuro que este eido representa, implicouse tamén na formación especializada en enerxías renovables coa organización de eventos como as II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que este xoves clausurou o reitor, Salustiano Mato.

Ao longo dos últimos catro días foron moitos os futuros enxeñeiros que, da man da asociación xuvenil Engranaxe, puideron coñecer as oportunidades de emprego tanto por conta allea como por propia a través as achegas dos profesionais do sector. Subliñou o reitor que esta capacidade de iniciativa do estudantado está tamén no ADN da Universidade, “buscando sempre sinerxías coa sociedade e coas empresas” e animounos a seguir buscado o coñecemento máis aló das aulas e a que este tipo de actividades as continúen as seguintes promocións.

Catro de días de intenso traballo

Ao longo desta segunda edición das Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética pasaron pola Escola da Enxeñería Industrial representantes de 20 empresas do sector en diferentes relatorios e mesas redondas. Paralelamente organizáronse exposicións e mostras de enxeños solares e de vehículos eléctricos cedidos por PSA Peugeot Citroën e Toyota, entre eles o “supereléctrico Tesla”, como o definía un dos organizadores, Adrián Sánchez. Incide o representante da asociación na importancia deste tipo de actividades para achegarse á realidade e para concienciarse do importante que é emprender, “pero non só creando empresas, senón emprendendo no día a día, fuxindo da rutina das clases e buscando novas posibilidades e experiencias que ofrece a Universidade”, sobre todo grazas ás sinerxías co estudantado de outras titulacións.

Gabaron tanto o reitor como o subdirector da EE Industrial, Fernando Cerdeira, e o director técnico do grupo PSA en Vigo, José Ramón Rodríguez Castro, a paixón e o esforzo da asociación Engranaxe para sacar adiante estas xornadas. Auguroulles un futuro exitoso o representante de Citroën, entidade con moitos dos seus directivos formados na escola viguesa. “Para as empresas a eficiencia enerxética é unha prioridade, pero non porque sexan ONGs, senón para ser competitivas” e todo o que se avance neste campo das enerxías renovables serviralles para competir con organizacións doutros países, “como Francia e Alemaña, onde o prezo da enerxía non é tan alto como en España”, apuntaba Rodríguez Castro, egresado tamén da EEI.

O futuro pasa polo vehículo eléctrico

Para moitos dos alumnos e alumnas das pasadas e futuras promocións da escola viguesa, o vehículo eléctrico será un dos máis importantes nichos de emprego, xa que aínda queda moito por desenvolver e mellorar. Neste sentido adiantou o reitor que no futuro plasmarase un proxecto de Universidade, “nun laboratorio vivo que unirá eficiencia enerxética, automoción e mobilidade” que servirá tamén cimentar o Vigo Tecnolóxico que pivotará sobre as escolas de enxeñaría, en especial a de enxeñaría industrial.

Destacou neste punto Salustiano Mato que a unificación das dúas antigas escolas de enxeñaría industrial nun único centro “axudará a darlle máis visibilidade, máis capacidade e máis rendemento” e isto tradúcese en máis prestixio, “que vos beneficiará a vos como titulados por esta Universidade”. Finalmente o reitor quixo animalos na difícil tarefa da busca de emprego, apostando por Galicia e por Vigo, “porque non estamos apartados, somos unha plataforma para un mundo emerxente, o mundo da lusofonía e hispanofonía e moitas multinacionais comezan a decatarse diso e a poñer os ollos en nós”, concluíu.