DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde esta tarde e durante todo o sábado desenvolveranse as actividades

A Escola Fermín Penzol recala no Bierzo na súa quinta edición

O poeta Fernández Morales, protagonista do programa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/03/2010

A Escola Fermín Penzol regresa desde hoxe ao Bierzo nunha nova edición deste encontro organizado pola Universidade de Vigo e a Escola Fermín Penzol coa finalidade de, como asegura o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade, José Henrique Costas “ promover unha xuntanza entre Galicia, León e Asturias, arredor das nosas culturas, do moito que nos é común e do que nos identifica”. Esta tarde no Teatro Bergidum de Ponferrada e mañá sábado no Teatro Vilafranquino, sucederanse sos relatorios, recitais poéticos e mesas redondas nos que se abordarán cuestións como o ensino galego no Bierzo e nas Portelas, os partidos políticos bercianos ante a lingua galega ou a inserción de Antonio Fernández Morales no sistema literario galego. Precisamente o autor de Ensayos poéticos en dialecto berciano, un libro que recolle diversos textos en lingua galega do Bierzo baseada en parte na literatura oral da rexión, será o protagonista da quinta edición do encontro no que estudantado do IES de Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca recitarán fragmentos da súas poesías. Ademais o escritor berciano será homenaxeado xunto a Firme de Batribán no cemiterio de Cacabelos o sábado.

Máis actividades

Unha conferencia de Xosé Henrique Costas sobre arraianos como Frei Martín Sarmiento, Fernández Morales ou Fermín Penzol ; un monólogo de Quico Cadaval; a presentación do número 4 da revista Xarmenta e a entrega do II Premio Fermín Penzol de dignificación da lingua no exterior, completan o programa da V Escola Fermín Penzol na que colaboran o Departamento de Galego da IEO de Ponferrada, a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta e o Concello de Vilafranca do Bierzo.

Consultar o programa