DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden optar a elas os membros da comunidade universitaria e residentes ou traballadores de Ourense

A escola infantil abre a convocatoria para solicitar praza

O prazo para presentarse remata o 20 de xuño de 2012

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 31/05/2012

Buscan praza nunha escola infantil na cidade de Ourense para un neno ou nena de catro meses a tres anos de idade? Se a resposta é si unha opción posible é a gardería universitaria do campus de Ourense. O centro vén de abrir o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas dispoñibles. Os membros da comunidade universitaria e familiares terán prioridade á hora de conceder estas prazas pero tamén poden ser solicitadas polas persoas residentes ou traballadores da cidade de Ourense. O prazo para presentarse remata o vindeiro 20 de xuño de 2012.

A escola infantil, situada fronte á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e integrada na maior zona verde de Ourense, abrirá por por primeira vez as súas portas en setembro. O local, que destaca polo seu deseño moderno e a integración coa contorna, dispón en total de 41 prazas: oito para nenos menores dun ano, trece para nenos de un a dous anos e 20 prazas para rapaces de dous a tres anos de idade. O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro.

Prioridade para os membros da comunidade universitaria

A concesión das prazas farase tendo en conta en primeiro lugar as solicitudes presentadas por pais e nais membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, considerando por tal aos traballadores en servizo activo (profesorado e persoal de administración e servizos); a persoal de investigación e contratado con cargo a proxectos e convenios; e a alumnado de 1º, 2º, 3º ciclo, de grao e posgrao. Unha vez cuberta esta demanda e sempre que queden prazas vacantes atenderanse as solicitudes presentadas por outros familiares dos membros da comunidade universitaria: netos e sobriños do funcionario e traballadores da Universidade de Vigo en activo ou xubilados. Finalmente, en caso de continuar a quedar prazas vacantes, atenderanse as solicitudes presentadas por residentes ou traballadores da cidade de Ourense.

O centro funcionará durante once meses ao ano, de setembro a xullo, ambos incluídos, cun horario de luns a venres de mañá e tarde e con servizo de comedor. Os prezos variarán en función dos servizos contratados e de se trata de membros da Universidade ou de fóra dela, incluíndo neste último grupo aos familiares dos membros da comunidade universitaria. De xeito orientativo, para o primeiro grupo os prezos serán de 73,7 euros por matrícula e mensualmente 98,27 euros por escolaridade completa, 79,31 euros por media xornada e 69,49 euros se contrata o servizo de comedor. Para os demais usuarios o custe ascenderá a 110,6 euros de matrícula, 147,4 euros por escolaridade completa, 119 por media xornada e 104,2 euros por servizo de comedor.

As solicitudes deberán presentarse antes das 14 horas do día 20 de xuño no Rexistro Auxiliar do campus de Ourense, no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo, en calquera dos rexistros auxiliares ou por calquera dos medios establecidos pola lei.