DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden solicitalas tanto membros da comunidade universitaria como cidadáns en xeral

A Escola Infantil abre o prazo de matrícula para as súas 41 prazas

A data límite para inscribirse é o 21 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 10/03/2014

Para os pais e nais de nenos e nenas de ata tres anos é tempo agora de buscar centro para matriculalos o vindeiro curso. Entre as opcións que teñen á súa disposición os membros da comunidade universitaria e os ourensáns en xeral está a Escola Infantil do campus. O prazo para solicitar unha das 41 prazas que oferta para o curso 2014/2015 está aberto ata o 21 de abril e unha vez máis os seus responsables agardan encher as súas aulas co alumnado máis novo e máis mimado do campus. Situado no corazón dun parque ambiental, o centro destaca pola calidade das súas instalacións e dos seus servizos.

As 41 prazas convocadas son tanto de renovación como de nova adxudicación. Distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenos e nenas de ata un ano; 13 para menores dun a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres. “Sen dubida, a oferta da Escola Infantil do campus de Ourense é moi atractiva, polos coidados e a atención que día a día se lle dá aos nenos e nenas, polo proxecto pedagóxico da escola e polas súas modernas instalacións, sen esquecer que está integrada no Xardín das Lagoas, un espazo de 50.000 metros cadrados”, destaca Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus.

Beneficiarios, horarios e prezos

Na concesión das prazas teñen preferencia os membros da comunidade universitaria, considerando como tales ao persoal docente e investigador; ao persoal de investigación ou contratado con cargo a proxectos ou convenios; ao persoal administrativo e de servizos e ao alumnado matriculado no curso 2014/2015. En caso de quedar vacantes, poden ser ocupadas por outros familiares dos membros da comunidade universitaria, como netos e sobriños dos funcionarios e traballadores da Universidade de Vigo en activo ou xubilados. En caso de quedar aínda prazas libres, poden beneficiarse delas as persoas residentes ou que traballan na cidade de Ourense e que teñen menores ao seu cargo. Os beneficiarios da Escola Infantil do campus de Ourense durante o curso académico 2013/14 poderán renovar a súa praza sempre e cando continúen cumprindo as condicións da convocatoria.

O centro funciona durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo é de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 15.30 a 18.00 horas pola tarde, existindo a posibilidade de solicitar un servizo de comedor e de acollida e permanencia, que abrangue de 08.00 a 09.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. Os prezos oscilan segundo os servizos contratados e segundo o colectivo beneficiado. De xeito orientativo, os membros da comunidade universitaria pagarán de matrícula (inscrición, material e seguro) 77 euros; 73 euros se solicitan comedor, e 103 euros se piden escolaridade completa. No resto de casos, a matrícula é de 116 euros; a escolaridade completa de 155 euros e o comedor 109 euros. As solicitudes, tanto de renovación como de adxudicación de nova praza, deberán presentarse antes das 14.00 horas do 21 de abril do 2014 seguindo as bases da convocatoria.