Este xoves visitou aos máis cativos do campus na festa organizaron con motivo do Nadal
A Escola Infantil foi a primeira da lista de visitas de Papá Noel
Este xoves, os nenos e nenas da Escola Infantil Universitaria de Pontevedra tiveron unha visita moi especial, a de Papá Noel, que se adiantou uns días para coñecer de primeira man os seus desexos e peticións. Organizaron na escola unha festa de Nadal para inaugurar as celebracións destas datas, á que non faltaron pais, nais, avós e educadoras “fomentando o encontro entre familia e escola”, explicou Ángeles Rodríguez, directora da escola. Desta volta trasladaron os festexos ao pavillón da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte “porque o ano pasado quedóusenos moi pequena a escola para acoller a todos os convidados”.
Os cativos e cativas amosáronse felices e ilusionados coa chegada de Papá Noel que lles fixo entrega dunha postal personalizada que eles mesmos deseñaron xunto coas educadoras ao longo da semana. “Obsequiou a cada neno cunha felicitación de Nadal, como un recordo destas festas”, puntualizou Ángeles Rodríguez, que sempre que se poida, promove a organización de actividades que fomenten a aprendizaxe de rutinas entre os meniños, ademais da implicación familiar. “O triángulo neno, casa e escola é moi importante polo que debemos sempre potenciar unha relación fluída”, engadiu. Todos os alumnos e alumnas da Escola Infantil do campus levaron para a casa unha fotografía deles mesmos cun gorro de Nadal “como simboloxía das datas que estamos a vivir”.
O pavillón da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte converteuse nun salón de festas improvisado para acoller esta festa de Nadal en homenaxe aos cativos do campus. Non faltou ningún ingrediente, panxoliñas e música moderna, comida, risas e xogos prolongando as celebracións ata ben entrada a tarde. “Aos nenos e nenas encántanlles as cancións movidas, non paran de bailalas”, comentou a directora entre felicitación e felicitación aos pais e nais dos cativos. Algúns atrevéronse a vir disfrazados, “unha minoría”, confesou, e grazas ao apoio e colaboración familiar “foi posible a visita de Papá Noel”.