DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de traballo que está a definir as liñas claves do proxecto reuniuse no campus

A Escola Internacional de Posgrao do Mar incluirá estudos de mestrado, doutoramento e formación continua

O grupo de traballo que está a definir as liñas claves do proxecto mantivo unha 1ª xuntanza de traba

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/10/2010
A Escola Internacional de Posgrao do Mar será o elemento clave a través do que se coordinará, xestionará e impulsará a oferta formativa de mestrado, doutoramento e formación continua do Campus do Mar. Esta era xa a idea inicial e agora, logo da celebración no campus da 1ª reunión do grupo de traballo que está a pór en marcha o proxecto, están xa definidos os principais trazos que van caracterizar un proxecto que nace coa intención de converterse nun referente formativo tanto para o ámbito empresarial como académico, xa que a idea é captar aos mellores alumnos nacionais e internacionais co obxectivo de alcanzar un mínimo do 30% de estudantes estranxeiros en 2015.

Neste encontro o grupo de traballo acordou que, inicialmente, a escola deberá definir un número moi reducido de programas de doutoramento, “posiblemente un ou dous”, especificou Emilio Fernández, o comisionado do Campus do Mar. Cada universidade e organismo de investigación analizará internamente a oferta de doutoramento existente e preparará unha proposta de programa/as a desenvolver na escola internacional de posgrao. “Estes programas poderán crearse “ex novo” ou ben como asociación de programas xa existentes na actualidade”, engadiu o comisionado, ao tempo que explicou que as achegas de cada institución serán obxecto de análise e debate no grupo “que deberá tomar unha decisión na vindeira reunión que acordamos que sexa no vindeiro mes de xaneiro”.

Tras analizar as normativas legais que regulan os estudos de mestrado e doutoramento en Portugal e España, os participantes na reunión concluíron que as diferenzas entre ambos sistemas non impiden a creación dunha escola transfronteiriza formada por universidades de España e Portugal.

Ámbitos de traballo da escola

A Escola Internacional de Posgrao do Mar manterá abertas liñas de traballo en varias áreas coincidindo cos proxectos estratéxicos para a investigación definidos polo Campus do Mar, se ben se decidiu que a posible definición e implantación de estudos de máster na escola, emerxa, nesta fase inicial, a partir das necesidades de formación que no seu momento identifiquen as comisións académicas dos programas de doutoramento da escola.

O grupo de traballo acordou nesta primeira xuntanza que a oferta decente dos cursos avanzados de formación continua xurda da demanda do axentes económicos e tamén tomou a decisión de que unha das características distintivas do centro sexa a definición e desenvolvemento dun Curriculum Nuclear da escola, “constituído por actividades de formación avanzada impartidas por profesorado do mais alto nivel internacional, tanto en temáticas transversais como específicas dos programas de doutoramento da escola”, engadiu o comisionado.

Forte presenza de Portugal na reunión

O vicerreitor de Investigación da Universidade de Aveiro, José Fernando Ferreira Mendes, destacou a importancia de formar parte deste proxecto, ao que se referiu como “unha gran oportunidade” e manifestouse convencido na viabilidade dunha escola “que estou certo de que vai ser unha realidade, independentemente da resolución que tomen en Madrid a vindeira semana”.

Tamén dende o outro lado da fronteira asistiu á reunión a vicerreitora para a Formación, Organización Académica e Estudantes da Universidade de Oporto, María de Lurdes Correia, que foi a encargada de presentar a estrutura actual de mestrado e doutoramento en Portugal. Desde o seu punto de vista, a posta en marcha da escola suporá dar un paso moi importante na internacionalización dos campus, “nunha materia como a investigación mariña onde xa todos temos unha forte experiencia”, ao que engadiu que, “sen dúbida, tamén será positivo á hora de gañar atractivo entre o alumnado”.

En representación da Universidade de Minho, Cándida Lucas, profesora do Centro de Bioloxía Molecular e Ambiental, valorou moi positivamente esta primeira reunión, xa que pese ás dificultades de impartir títulos entre diferentes países, “estamos xa nun punto moi avanzado e penso que non vai ser difícil a posta en marcha da escola”, subliñou, ao tempo que apuntou a necesidade de ser flexibles, sobre todo co alumnado, “á hora de concederlles créditos, independentemente de que se cursen en España ou Portugal”.