DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do Ciclo Universium

A escola é o lugar que mellor define a nosa identidade cultural

Así o expuxo o filósofo Carlos Thiebaut nun relatorio sobre “Política e Identidade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 07/11/2007
A escola, como lugar simbólico de representatividade da identidade cultural, tivo este mércores un papel destacado na intervención de Carlos Thiebaut, profesor de Filosofía da Universidade Carlos III de Madrid, no ciclo de conferencias Universium. “A polémica do velo nas escolas francesas, da materia Educación para a cidadanía en España, ou dos crucifixos en Baviera... son só algúns exemplos da importancia que lle damos aos colexios como lugar de máxima visibilidade dos conflitos”, apuntaba Thiebaut.
Baixo o título Política e identidade o filósofo fixo unha pormenorizada revisión do concepto de espazo público, ao que se referiu como “un equilibrio dinámico en continúa inestabilidade” ou “un lugar sempre sometido a un proceso de tensión e reaxuste”. A estreita liña que separa o público do privado foi o outro eixe do relatorio. “É público aquilo ao que todos temos dereito e é privado as razóns que cada individuo poña para exercitar este dereito”, subliñaba. “O espazo público foise constituíndo en relación aos factores importantes que impedían ou que dificultaban a convivencia. Para isto tivo que definir unhas pautas a evitar, aquelas condutas que lesionan ou danan a convivencia de todos”, continuou.
Segundo a visión de Thiebaut, o público ten moral, e é competencia de todos porque a todos nos incumbe “aínda que non toda a moralidade se reduce á moralidade pública”.
O relatorio puxo de manifesto a importancia dos conflitos relixiosos como experiencias de danos que desestabilizan o poder e destrúen as institucións centrais do orde. “Un bo exemplo está na guerra dos Balcáns”, destacou.

Presentado pola vicepresidenta do Parlamento

Tareixa Paz, vicepresidenta do Parlamento de Galicia, foi a encargada de presentar a Thiebaut, de quen destacou sobre todo a súa longa traxectoria investigadora e a ampla experiencia como docente universitario non só en España, senón tamén en Estados Unidos e México. “Na política estamos a caer nunha banalización excesiva, e conferencias como as deste ciclo, axudarannos a por os pes na terra”, apuntaba.

O ciclo continúa

Este xoves continúa o ciclo Universium da man do profesor de Filosofía Política da UNED, Antonio García Santesmases, que impartirá o relatorio “Relixión e Espazo Público”. Será presentado polo secretario do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar.
A ponencia será ás 12.30 horas no Edificio Miralles.